Varias tendas de videoxogos ameazan con non vender a PSP Go

luns, 22 de xuño do 2009 Marcus Fernández

Sony quere volver a darlle forza á súa consola portátil con moitos lanzamentos, á vez que lanza un novo modelo de consola, a PSP Go, que deixaría de integrar unidade UMD para orientar o dispositivo ás descargas de xogos e á alta portabilidade (ámbito no que Apple está a mover moitos cartos coa tenda de aplicacións para o iPhone) o que non parece gustar ás tendas tradicionais, e parece ser que cadeas de tendas coma Game Mania, Bart Smit e Media Makrt ameazaron con non vender o dispositivo debido ás súas características, pois ao incorporar unha memoria interna de 16 Gb e non contar con xogos en formato físico sería pouco rendible a súa venda.
Habitualmente as tendas de videoxogos venden as consolas cunha marxe de beneficios moi cativa, o que esperan compensar coa venda de xogos para as mesmas, pero se un dispositivo está deseñado para que o seu usuario tras adquirilo non teña que volver a pisar unha tenda física na vida atenta claramente contra os seus intereses.
Supomos que o que buscan as tendas é que Sony entregue as PSP Go cunha marxe de beneficio superior, pois está claro que un boicot contra un dispositivo por parte dun grupo limitado de distribuidores non tería ningún efecto no mercado a longo prazo.

PUBLICIDADE