Varios móbiles con Android poderán gozar de teclado físico nos vindeiros meses

martes, 25 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

A compañía británica Clicks Technology, promovida entre outros polo creador de contidos Michael Fisher (da canle de YouTube coñecida como MrMobile), comezou a vender o ano pasado unhas fundas para iPhone que integran un teclado físico na parte inferior do dispositivo como un xeito de recuperar o vello espírito dos smartphones da marca BlackBerry.
En vista deste éxito queren ampliar a súa gama de produtos, e anuncian que prepara fundas-teclado para móbiles con Android, comezando ao remate de abril cos móbiles Pixel 9 e 9 Pro, pasando a finais de maio aos encartables Motorola Razr+, para completar a colección cos Samsung Galaxy S25 despois do mes de xuño.
Cómpre salientar que polo momento non lanzan fundas deste tipo para as versións con pantalla grande das familias de móbiles con Android para as que comezan a fabricar accesorios, asegurando que preparan algo especial para este tipo de dispositivos.
Outro detalle salientable é que incorporar un teclado inferior aos Pixel 9/9Pro e Galaxy S25 dá como resultado uns trebellos demasiado altos, polo que poden resultar incómodos de manexar, detalle que foi decisivo para decidirse por unha funda con teclado para o Motorola Razr+, xa que encartado presenta un factor forma moi semellante ao dunha BlackBerry, converténdose nunha combinación que probablemente adoren moitos nostálxicos.
Todos estes teclados externos veñen preparados para resultar bastante prácticos, incorporando numerosos atallos para manexar o móbil sen ter que tocar a pantalla, polo que poden resultar unha opción interesante para usuarios que prefiren unha experiencia de interacción cos seus dispositivos máis física. O que si queda desbotado é o feito de que os teclados físicos resulten máis produtivos en dispositivos móbiles, pois as tecnoloxías integradas nos teclados virtuais fixeron que estes fosen moitísimo máis áxiles de empregar, de aí que os teclados físicos desaparecesen do mercado a grande velocidade e a súa presenza actual non pase do anecdótico.

Vídeo de MrMobile non que dan conta dos novos produtos de Clicks