Varios móbiles de Oppo enganan ás aplicacións de medición de rendemento

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

En setembro cazaron a Huawei facendo trampa nas aplicacións de medición de rendemento con varios dos seus smartphones, que chegaban a rexistrar resultados até un 47% mellor do habitual, de aí que as puntuacións acadadas deixasen de terse en consideración por considerarse falseadas.
Pero Huawei non é o único fabricante chinés trampón, pois Oppo tamén tería realizado prácticas semellantes, concretamente co seu Oppo Find X e co Oppo F7, modelos que veñen de eliminarse das relacións de smartphones máis potentes por ter realizado tácticas deshonestas para conseguir figurar mellor nos benchmarks.
Nunha das categorías analizadas por 3DMark o Oppo Find X conseguira unha impresionante 4ª posición, pero agora carece de puntuación para a súa comparación con outros móbiles xa que os resultados medidos non son fiables, tras constatar que a aplicación de medición de rendemento de 3DMark ofrecía uns resultados un 41% superiores coa versión da aplicación dispoñible publicamente que cunha versión privada que realiza as mesmas probas (pero que non se identifica como tal aplicación). Deste xeito parece demostrado que os móbiles analizados detectan as aplicacións de benchmark máis coñecidas para comportarse mellor durante a súa execución e así conseguir mellores resultados, práctica que está prohibida.
Dende Oppo aseguran que van realizar axustes no sistema dos seus smartphones, pero non se comprometen a deixar de facer trampas, polo que de seguro que van ter que quedar baixo a lupa de certas compañías antes de ter en conta as súas probas de rendemento.

PUBLICIDADE