Varios partners europeos poderán axudar no desenvolvemento de aplicacións para HoloLens

luns, 13 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Dende Microsoft están a apostar con moita forza nunha aplicación profesional da realidade virtual mesturándoa coa realidade, ou sexa, o que chaman realidade mixta, para o que crearon HoloLens, solución que está a tardar en facerse unha realidade xa que a compañía de Redmond prefire avanzar neste ámbito dun xeito seguro, explorando primeiro as aplicacións que pode ter esta tecnoloxía na práctica e deixándoa madurar para evitar así o seu fracaso por tratar de comercializar a tecnoloxía por si mesma (evitando así a sorte de proxectos como Google Glass, que tivo que ocultarse do público para poder avanzar dun xeito razoable).
Unha das liñas a través das que Microsoft quere que avance este proxecto é o programa HoloLens Agency Readiness, iniciado en EE.UU. e Canadá, e que achega unha serie de socios cos que poder introducirse no desenvolvemento para esta tecnoloxía de futuro, e que agora tamén está a avanzar en Europa, de xeito que xa temos seis compañías dentro do programa: as británicas Black Marble, Fundamental VR e REWIND, as francesas Holoforce e Immersion e a xermana Zuhlke.
Estas compañías pretenden axudar a outras empresas que estean a buscar xeitos de poder beneficiarse da tecnoloxía de HoloLens e a realidade mixta, ou sexa, que as compañías que queiran introducirse neste ámbito, aparte de traballar directamente con Microsoft ou ir pola súa conta aproveitando o SDK de HoloLens, teñen agora unha nova oportunidade grazas á existencia de socios a este lado do Atlántico. Estas empresas sometéronse a un longo proceso de formación por parte de Microsoft, polo que gozar da experiencia dabondo para facilitar rápidos desenvolvementos en realidade mixta e, de feito, Microsoft considera que é o xeito máis áxil de facer tal.
Con esta tecnoloxía búscase principalmente crear novas oportunidades de negocio traballando con datos tridimensionais, creando novos produtos e levando información á vida, camiño polo que Microsoft buscará levarnos por distintos camiños e ao que incluso quere contribuír a vindeira grande actualización de Windows 10.

PUBLICIDADE