Varios produtos de Apple terán que pagar aranceis nos EE.UU.

mércores, 14 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A guerra comercial entre EE.UU. e China está lonxe de rematar, e aparte do polémico bloqueo de Huawei por parte da Administración Trump tamén hai moitas cargas arancelarias con consecuencias moi directas no mercado, e que agora van afectar tamén á electrónica de consumo e, aínda que a aplicación dos novos aranceis a teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores portátiles que ameazaba con entrar en vigor quedaron polo momento adiados até decembro, dende Bloomberg apuntan a que a partires do 1 de setembro haberá produtos de Apple afectados polas novas cargas á importación.
Os produtos de Apple que pasarían a someterse a novos aranceis serían os ordenadores de escritorio, o Apple Watch, os AirPods e auriculares Beats e o HomePod, así como toda unha serie de accesorios (como correas para o Apple Watch e baterías).
Non está nada claro nin o impacto real que terán estes novos aranceis, nin o prazo no que estarán vixentes, polo que resulta difícil prever se terán tamén repercusións nos prezos de consumo (confíase que a grande marxe de beneficio permita que Apple absorba o imposto nos vindeiros meses, confiando na retirada do gravame).

PUBLICIDADE