Veciñanza de Cuntis reclama actualizar e profesionalizar a actividade web do Concello
martes, 18 de setembro do 2018
A
plataforma de cidadáns de Cuntis reunidos en Veciñanza
(veciñanza.gal) vén de emitir un comunicado no que
reclama un mellor servizo tecnolóxico do Concello, materializado a
través da súa presenza na web local e máis nas redes sociais.
Segundo explican dende Veciñanza, que vai dar corpo ás súas
peticións nunha moción, cómpre “actualizar, coidar e
profesionalizar” os ditos recursos dixitais da Administración
local, abranguendo este proceso á renovación da web
www.concellodecuntis.es (incluíndo o dominio galego, o .gal) e apostando “por
un espazo de comunicación bilateral plenamente válido entre
Administración e as veciñas e os veciños”.
Veciñanza tamén engade que a web "achega estatísticas de poboación con datos de
2008", que unicamente pon a disposición da cidadanía tres actas de
pleno (“a última delas do ano 2009) e cuxa sección de
transparencia fica “en construción”, amais de non fornecer,
segundo sinalan dende a plataforma de veciños, “acceso directo á
Administración Electrónica”.
Tamén
critican, o feito de que o portal turismodecuntis.es
presente no seu inicio un cartel de 2015, evidenciando que “está
abandonado e xerando unha imaxe moi contraproducente para a promoción
turística do municipio, que é exactamente o efecto contrario ao que
se persegue cunha web destas características”, explican, engadindo
que os perfís vencellados ao Concello de Cuntis nas redes sociais
presentan, entre outras eivas, “grallas de ortografía, ausencia de
criterio nas publicacións, falta de contido propio, etc”.