Vector aposta pola grande autonomía nos seus smartwatches

luns, 23 de marzo do 2015 Marcus Fernández

O mercado dos smartwatches continúa a recibir a novos competidores como Vector, compañía que non se conforma con presentar reloxos conectados con dous formatos distintos (pantalla circular ou rectangular) e elegante deseño, senón que tamén presume dunha autonomía de 30 horas, o que podería facer que máis dun consumidor teña en conta este produto que xa pode reservarse a un prezo de 229 euros para o modelo Meridian (con pantalla rectagular de 40,5 milímetros) e de 399 euros para o modelo Luna (con pantalla redonda cun diámtro de 40,5 milímetros e funda de pel marrón ou de nailon negro).
Estes elegantes reloxos de pulso con caixa de aceiro inoxidable contarán con conectividade Bluetooth 4.0, o que permitiralles recibir notificacións de móbiles iOS, Android e Windows Phone, poderán personalizar a súa pantalla con aparencias de reloxo analóxico ou dixital, a súa pantalla monocroma ten un elevado nivel de contraste (e está sempre acendida, en contraste con outros smartwatches), integran acelerómetro e xiroscopio e incluso son resistentes á auga (até 50 metros ou 5 atmosferas).
Aparte de recibir notificacións do móbil, os smartwatches de Vector tamén poden servir de monitores de actividade, á vez que conta con funcións de cronógrafo, consulta da hora en distintos fusos e incluso pode integrarse con aplicacións de terceiros como Nest, IFTT ou servizos de información meteorolóxica.

O reloxo de pulso de Vector pode reservarse en 3 modelos distintos

PUBLICIDADE