Vedra presenta a súa candidatura ao proxecto europeo Smart Rural Village
luns, 1 de xuño do 2020
- A ponte vella de Ponte Ulla, no concello de Vedra
O
concello coruñés de Vedra
está a dar pasos de xigante para poñerse á cabeza de Europa en
materia de tecnoloxías e innovación. De feito, segundo fixo saber o
Goberno local este primeiro de xuño, vén de ser presentada a
candidatura de Vedra para converterse por dereito propio en Smart
Rural Village. O Concello informou que este recoñecemento non só
poría de manifesto a vontade de avanzar en tecnoloxías, senón
tamén a arela de combater a perda de poboación e o envellecemento
da mesma, ao tempo que se contribúe a fixar poboación (os grandes
desafíos actuais das contornas non urbanas).
Para
poder artellar estratexias neste sentido, Vedra presentou a súa
candidatura ao proxecto europeo Smart Rural 21: estratexias para
pobos de Europa e da España baleira. Trátase dun proxecto no
que se seleccionarán 17 municipios rurais de toda Europa para
recibir asesoramento e apoio técnico para o desenvolvemento de
estratexias intelixentes que solucionen, na medida do posíbel, os
retos do rural no século XXI.
O
Concello engade que nos dous anos e medio de duración do proxecto
deseñaranse e dotarase aos participantes de metodoloxías e
ferramentas para a implantación de estratexias integrais e
participativas, “fomentando o intercambio de coñecementos
transnacionais que promovan o éxito das experiencias piloto smart
village”. Contarase coa coordinación do grupo E40 e co apoio
directo da Comisión Europea.
Até
o de agora, foron preseleccionados 5 entidades locais de Irlanda,
Finlandia, Francia, Grecia e a República Checa.
Vedra
presenta a súa candidatura coa “convicción de presentar as
características idóneas para converterse nun pobo intelixente”.