Vendedores de eBay chaman de novo á folga pola obrigatoriedade de usar Paypal

martes, 27 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Entre as características máis rechamantes do servizo eBay non só figura o feito de que se poida participar en todo tipo de poxas en liña e por obxectos que nunca imaxinamos atopar á venda en tenda algunha (mesmo se ten subhastado un noivo e máis unha alma, para quen non o saiba). Non, o abraio que aínda nos sigue provocando eBay non só vén de aí, senón tamén no feito de que á hora de facer os pagos a compañía lles impoña ós seus clientes un único xeito de levalos a cabo, tanto máis sorprendente se temos en conta a gran cantidade de opcións que hai hoxe en día.
O caso é eBay segue a termar de Paypal (a compañía que achega esa única canle para as operacións da que falamos) coa teimosía dunha sociedade de xestión de dereitos de autor tradicionais polos seus canons, motivo polo cal un grupo de vendedores está xa a convocar unha folga para o día 1 de xuño. O motivo? Protestar, entre outras cousas, contra a imposición de empregar Paypal.
En realidade, a iniciativa non é nova, xa que as tentativas de protesta colectiva se remontan a febreiro e volven agora perante a actitude amosada por eBay, que non é outra que a de seguir confiando en Paypal. Os convocantes da folga, que afirman que o sistema de pago devandito é xa indefendible –entre outras cousas- pola súa crecente impopularidade, veñen de habilitar unha páxina web onde dan conta dos seus motivos e dos seus pasos a seguir. Nela solicitan que se faga efectiva unha auténtica atención ó cliente e máis aos usuarios e que se suprima a valoración por estrelas, así como a dita obrigatoriedade de usar Paypal para as operacións de compra e venda.

PUBLICIDADE