Vento Rede estenderá a banda larga á contorna de Escardia e Guillán, entre Vilagarcía e Carril

mércores, 20 de marzo do 2024 S. P.

O Concello de Vilagarcía quere dar un novo impulso á cobertura de banda larga no municipio, poñendo o foco nos núcleos rurais e nas contornas de poboación máis dispersa. Por exemplo as zonas da Escardia e Guillán, entre Vilagarcía e Carril, que, segundo fixo saber o Concello, serán as máis beneficiadas da nova fase de desenvolvemento da banda larga na cidade. A empresa Vento Rede, SL, adxudicataria do proxecto para toda a provincia de Pontevedra, cun presuposto de 9,7 millóns de euros, xa iniciou os traballos de trazado de planta.
A intención é que a instalación efectiva da infraestrutura comece no verán. O prazo máximo para rematar os traballos é o 31 de decembro de 2025.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, mantiveron a semana pasada unha reunión coa empresa Vento Rede co obxectivo de fin de analizar máis polo miúdo o plan de traballo e a área de cobertura da nova fase.
O rexedor comprometeuse a axilizar en “todo o posíbel “a concesión das licenzas que “sen dúbida, comezarán a chegar dentro dunhas semanas”. Á súa vez, Vento Rede asumiu o compromiso de levar a cabo as obras “coa maior dilixencia”. O Concello lembrou as peticións dos veciños de ambas zonas, pero especialmente da Escardia, para que se poña fin ás deficiencias no acceso a internet veñen sendo unha constante nos últimos anos.
Segundo os datos expostos na reunión nesta nova fase a fibra chegará a un mínimo de 377 vivendas, das que 317 corresponden a A Escardia/Guillán. O resto, trátase de actuacións puntuais en Solobeira, Sobradelo, Bamio, Cea, Castroagudín, Rubiáns, Cornazo, A Lomba ou A Torre -todas na zona periurbana-, e no propio casco urbano de Vilagarcía (é o caso dos Duráns ou a praza de abastos).
Na etapa anterior, desenvolvida hai tres anos, a extensión da banda larga acadou a 520 unidades inmobiliarias, maioritariamente vivendas e algunhas naves comerciais, dende Vilaxoán a Carril, pasando por Vilagarcía, Sobradelo, Cea, Faxilde, Trabanca Sardiñeira, Trabanca Badiña, A Laxe, Fontecarmoa... é dicir, as zonas máis densamente poboadas.