Vestel está a ultimar o deseño dos televisores que ofrecerá Movistar+ no Nadal

venres, 16 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses Telefónica está a esforzarse para deixar de perder clientes, o que parece que conseguiu coas súas agresivas promocións en produtos televisivos e de banda larga baseada na fibra óptica, pero non queren quedar aí, e anticiparon un par de medidas para continuar a fornecer a súa posición líder: que a súa banda larga por FTTH pasará a ser simétrica e emprenderán unha promoción de televisores conectados de cara ao Nadal. E precisamente sobre este último dato están a dar detalles dende Sabemos Digital, medio no que aseguran que o fabricante turco Vestel está a piques de iniciar a produción de televisores feitos a medida para Movistar, que terían integrado do decodificador do operador, o que o converterían nun produto moi atractivo para os clientes de televisión que non terían así que empregar dous mandos a distancia, á vez que gozarían dunha experiencia de uso adaptada á oferta televisiva da que gozan.
Aínda que Vestel non sexa un fabricante popular, estamos ante o primeiro fabricante de televisores de Europa, con máis de 7 millóns de televisores vendidos en España nos seus 17 anos de vida (dos que 1 millón se venderon só no ano 2010, en pleno apagamento analóxico), aínda que para os consumidores pode resultar invisible xa que moitos dos seus produtos chegan ao mercado baixo outra marca. Queda agora por ver se os novos televisores que Movistar+ prepara para a campaña de Nadla chegarán co logotipo do operador (estando claro que non lucirán o logotipo de Vestel no seu exterior) e están a piques de rematar o deseño de varios televisores que poderían facilitar tanto a captación de novos clientes como a fidelización dos actuais, xa que espérase que estes produtos se ofrezan ao consumidor final de balde ou en réxime de aluguer (previsiblemente moi económico). En breve despexaranse as incógnitas, pero dá a impresión de que a guerra por achegar a televisión ao fogar de xeitos innovadores non fixo máis que comezar.

PUBLICIDADE