Vía libre á planta de chips fotónicos de Vigo: proxecto SPARC

martes, 17 de xuño do 2025 S. P.

O Consello de Ministros aprobou este 17 de xuño a participación da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) no proxecto SPARC da factoría de semi condutores de Vigo, cunha inxección económica de 17,2 millóns de euros.
Como lembraremos, a planta de chips fotónicos será impulsada pola Zona Franca de Vigo no PTL (Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo) e constituirá, nas súas palabras, “un proxecto único en España e unha das iniciativas europeas máis ambiciosas”. Con ela, engade a Zona Franca, “a cidade posiciónase como clave da soberanía tecnolóxica industrial en España e en Europa do século XXI”. O proxecto, no que tamén participa a firma Indra, será clave para sectores como o aeroespacial ou da defensa.
Os chips fotónicos son a vindeira revolución en tecnoloxías para o procesamento e o subministro dos datos, con velocidades máis rápidas e unha eficiencia superior aos chips electrónicos convencionais. No canto de tirar proveito dos electróns empregan partículas de luz (fotóns) para achegar información.
Á fronte de Europa
“Con esta decisión do Goberno de España, Vigo ponse á fronte en Europa no deseño e a produción de chips fotónicos baseados no nitruro de galio, a tecnoloxía clave para a autonomía estratéxica española e europea, vital nos sectores de defensa e aeroespacial polas súas aplicacións en radiofrecuencia e radares, e con aplicacións na automoción, as comunicacións ou a biomedicina”, sinalou a Zona Franca a través do seu delegado, David Regades, que fixo fincapé “no importante que é que desde a nosa cidade sexamos capaces de fabricar uns semicondutores con nitruro de galio que se van a facer unicamente desde aquí para toda Europa. Iso significa que o talento que temos na nosa Universidade e na nosa cidade vai ser clave no futuro tecnolóxico europeo”.
A factoría viguesa, que se situará nunha parcela de 3.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico e Loxístico da Zona Franca (PTL), será ademais a primeira de España, que hai 40 anos que non tiña unha planta de semiconductores, naquel momento electrónicos e que agora serán fotónicos. A Zona Franca dispón xa da licenza e o proxecto de execución da fábrica e licitará as obras nas vindeiras semanas polo que espera que a construción poida iniciarse este ano e que en 2027 xa estea a fabricar semiconductores.
SPARC nace como sociedade en 2022 ao constituírse como unha spin-off da Universidade de Vigo. O obxectivo do investimento é construír un ecosistema fotónico en Vigo que satisfaga a alta demanda no mercado europeo, ao ofrecer unha capacidade teórica de 20.000 obleas ao ano e crear preto de 200 postos de traballo directos de alto valor, ademais de 550 empregos indirectos.
O proxecto vigués xa obtivera máis de 3 millóns de euros do PERTE Chip do Gobierno de España e, pola súa banda, a Universidade de Vigo, socio institucional de Zona Franca, tamén conseguiu do Ministerio de Transformación Dixital unha subvención de 4,7 millóns para crear a Cátedra Chip, da que sairá persoal formado e especializado para traballar en SPARC.