ViaGalicia abre a súa sétima edición para seleccionar 15 proxectos innovadores

mércores, 23 de novembro do 2022 S. P.

A aceleradora ViaGalicia, espazo de emprendemento en Galicia impulsado pola Zona Franca de Vigo, vén de abrir a súa sétima edición para a recepción de proxectos. O prazo está aberto ata o 31 de xaneiro de 2023 e seleccionaranse un total de 15 contribucións, que pasarán á fase de aceleración. Nesta nova andaina a aceleradora recupera a presencialidade, despois dunha sexta edición que se desenvolveu na pandemia. O delegado da Zona Franca, David Regades, fixo balance do pasado, o presente e o futuro da iniciativa e destacou que “ViaGalicia cumpre dez anos de éxito con 78 proxectos innovadores de emprendemento apoiados, que crearon uns 550 empregos”.
O delegado destacou algúns deses proxectos que hoxe son empresas xa consolidadas e recoñecidas como é o caso de Alén Space, que lanzou xa 7 nanosatélites ao espazo cun 100% de éxito; Help Flash, que facturou en 2021 un total de 9,5 millóns de euros coa súa luz que substituirá ao triángulo en accidentes; Alice Biometrics, que xa comercializa en Europa para converterse en líder do mercado de verificación de identidade; Beta Implants, que lidera o mercado ibérico de implantes de mascotas; Opositatest; primeira en España na preparación online de oposicións; ou Councilbox, que se consolidou como referente estatal para reunións remotas con seguridade xurídica.
Obxectivos
O principal obxectivo do programa, ao que se incorporou nas últimas edicións a Xunta de Galicia, é “a aceleración de proxectos innovadores e invertíbeis, aos que se acompaña na súa validación, posta en marcha, financiamento e maduración”. Ou sexa, “crear as condicións idóneas para o desenvolvemento e consolidación dun ecosistema de emprendemento en Galicia que contribúa á xeración de riqueza na contorna, a diversificación do tecido empresarial, a modernización e dixitalización dos sectores máis tradicionais, a transferencia de coñecemento ou a atracción e retención do talento”, en palabras da Zona Franca.
O Programa de Alto Rendemento ten unha duración estimada de 18 meses, desde o lanzamento da convocatoria. Combínase, baixo a supervisión dun equipo de expertos en emprendemento, unha serie de elementos, como son a formación, titorización, mentoring, un espazo de traballo en coworking e a achega de financiamento para iniciar o proxecto.
Cada edición consta de 6 fases: Convocatoria, Startup Day, Academia, Demo Day, Aceleración e Investors Day. Ao longo do programa, avalíanse os progresos dos equipos participantes coa finalidade de que os mellores proxectos sexan presentados a investidores e socios industriais.
Todos os emprendedores deben constituír a súa sociedade e comprometerse a ter unha presenza continuada en Porto do Molle durante o período de aceleración. Pactan con ViaGalicia e con Vigo Activo e XesGalicia un plan de acción e uns fitos que deben cumprir durante esta fase e que serven como obxectivos para comprobar a progresión do proxecto durante a súa estadía na aceleradora e a poder así recibir o financiamento que lle conceden Vigo Activo e XesGalicia.
Así mesmo, reciben unha subvención a fondo perdido de GAIN (Axencia Galega de Innovación).

PUBLICIDADE