ViaGalicia inicia a súa fase da Academia con 23 proxectos
luns, 7 de abril do 2025
A fase Academia de ViaGalicia, a aceleradora da Zona Franca e o IGAPE, botou a andar este pasado venres no Centro de Negocios de Porto do Molle cos 23 proxectos seleccionados do Startup Day que, durante as vindeiras sete semanas, afrontarán esta fase de preaceleración para a súa validación e definición. Esta nova etapa do programa desembocará nun Demoday para a elección dos 15 finalistas que participarán na 8ª edición da aceleradora.
As TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o sector agroalimentario e pesqueiro e o sector turístico son os predominantes entre os 23 proxectos que traballarán na Academia. Tamén hai propostas relacionadas co aeroespacial, as enerxías renovábeis, a saúde, a medicina ou a cultura. Das 23 iniciativas 15 son de equipos da provincia de Pontevedra, 5 delas de Vigo, ademais das 3 da provincia da Coruña, 2 da de Lugo e outras 2 da de Ourense.
Participan as seguintes empresas: Sénior Lingua (TIC), Canumi (alimentación), CertyChain (TIC), Ciclope Mencia (móbeis e decoración), Immotion (saúde), Digy (enerxía), Estudiar con Sentido (formación), CNC Roborouter (bens de equipo), Luxsit (robótica), Orixe Salgada (alimentación), Air Cargo Booking (transporte e loxística), Yourt Store (outros bens de consumo), Skeirrum Coop Galega (cultura e ocio), FittingLabs (TIC), Vinak Products (outros bens de consumo), Knowmad Tribe (turismo e hostalería), MVico Bike Experience (turismo e hostalería), Wairbot TV (alimentación e pesca), Gastrovisual (turismo e hostalería), Longevita (TIC), Salmoira (alimentación), Boostainability (TIC) e PROA2 Health (alimentación e pesca).
O obxectivo da Academia de ViaGalicia será facilitar ás propostas participantes os coñecementos, competencias e habilidades necesarias para definir o seu modelo de negocio a través dun programa práctico de pre-aceleración, enfocado á proposta de valor e a súa orientación ao mercado. Nesta fase coñecerase mellor aos emprendedores, as súas propostas e analizarase o seu grao de desenvolvemento.
O programa está integrado por sesións formativas prácticas que se desenvolven en venres e sábado durante 7 semanas. Tamén se impartirán titorías individuais a cada proxecto e participarán nun total de 6 mesas redondas con outros emprendedores de referencia. As temáticas que se abordarán son: a importancia do equipo dunha startup; a comunicación, propostas de valor e modelos de negocio; desenvolvemento dun produto mínimo viábel (MVP); orientación ao mercado (online e offline); captación de clientes; desenvolvemento de proxeccións económico-financeiras; aspectos xurídicos e legais relacionados coa constitución e inicio da sociedade; elaboración dos pactos de socios e a negociación e defensa do modelo de negocio. Trátase “de que os equipos consigan dispoñer, ao final desta fase, dunha primeira proposta do seu modelo de negocio e teñan a capacidade de presentala de forma solvente ante o Comité Técnico do Programa”, sinalaron dende ViGalicia, engadindo que unha vez finalizada a Academia, os emprendedores participarán nun DemoDay de onde sairán un máximo de 15 propostas que se incorporarán en setembro á 8ª edición da aceleradora ViaGalicia, que contou cunha participación inicial de 108 iniciativas.