Vicepresidencia e AGALBER dan un novo paso na dixitalización do sector turístico

mércores, 20 de outubro do 2021 S. P.

O presidente da Asociación Galega de Albergues Privados (AGALBER), Miguel Ángel Rodríguez Aira, asinou un acordo co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destinado a activar unha campaña de promoción da rede de albergues privados nos Camiños de Santiago e dar a coñecer a calidade das súas instalacións e servizos. O obxectivo é “contribuír a reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro e cunha oferta turística de calidade”.
Rueda lembrou que a Xunta achegou o pasado setembro un paquete de medidas por case 16 millóns de euros que, entre outras liñas de axudas, inclúen unha de 6 millóns de euros para a adquisición de equipamentos postCOVID por parte dos establecementos hostaleiros e hoteleiros, incluídos os albergues privados, e outra doutros 6 millóns para estes mesmos negocios para fomentar a súa dixitalización e promoción. Neste ano, dixo, “a Xunta leva investidos 120 millóns na recuperación do turismo galego, entre os 31,2 millóns en axudas coma estas e os 90 millóns destinados á hostalería das dúas convocatorias do Plan de Rescate”.
O acordo asinado este 20 de outubro conta cun investimento de 30.000 euros por parte da Xunta Inclúe a promoción da nova plataforma de reservas Bookalbergue.com para presentala fóra da nosa terra cando se poña en marcha, co fin de que se adhiran establecementos de fóra da comunidade e favorecer o seu uso por parte dos peregrinos.
O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou outras medidas de apoio a este colectivo como “a formación de máis de 600 albergueiros, as axudas para adquirir material de protección fronte á COVID, e a divulgación de protocolos de prevención nas rutas xacobeas en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE)”.

PUBLICIDADE