Víctor Salgado: “As redes sociais como Meta ou X deben comprometerse a protexer todos os dereitos das persoas”

mércores, 5 de febreiro do 2025 S. P.

O bufete galego Pintos & Salgado, especializado en dereito dixital, compartiu un novo informe sobre a realidade actual das novas tecnoloxías afondando novamente nos aspectos legais que debemos ter en conta destas novidades. Desta volta poñen o foco en como algúns destes grandes servizos tecnolóxicos (Meta ou X) están a comprometer coas súas máis recentes decisións os dereitos fundamentais das persoas e a súa liberdade de expresión. Así nolo conta o avogado Víctor Salgado, especializado en ciberseguridade e protección de datos, que analiza a polémica decisión de rescindir o sistema de verificación de contidos de Meta, “un sistema que, coas súas deficiencias, axudaba a loitar contra a desinformación”.
Modelos de verificación
O avogado lembra que até este 2025, o ecosistema dixital contaba con dous modelos de verificación de contidos opostos: as notas de comunidade de X, onde o usuario é o encargado de etiquetar os bulos e denuncialos, fronte ao sistema de verificación externa de Meta, con fact-checkers profesionais que comprobaban os contidos e os moderaban. Porén, recorda, “o inicio do novo ano e a toma de posesión de Donald Trump traen novidades en materia tecnolóxica: agora xa só impera o modelo implementado por Elon Musk na súa plataforma, X, dentro de Estados Unidos”.
O avogado opina que “sen ser perfecto, o sistema de moderación de contidos de Meta permitía loitar contra a desinformación e os contidos nocivos que atopamos nas redes sociais. E contar con procesos así é algo esencial para evitar a polarización da esfera pública e os ataques a dereitos fundamentais na Rede”. Para Salgado, a decisión non só implica malas noticias na calidade do debate democrático, senón que “supón pensar que a liberdade de expresión non ten límites”, cando en realidade estes atópanse “nos dereitos e liberdades dos demais”. Continúa o experto en Dereito Dixital: “Todos temos dereito a emitir e recibir información, pero sempre que sexa veraz. Se é desinformación ou contidos falsos, a liberdade de expresión non ampara a ninguén, e menos se con ela son agredixdos os dereitos fundamentais de imaxe, honra e privacidade doutra persoa”.
Baixo a análise de Pintos & Salgado, a decisión de implantar un modelo de notas da comunidade, co usuario como principal xestor e verificador dos bulos, “perverte o obxectivo da moderación; as plataformas tecnolóxicas non poden eliminar a súa responsabilidade á hora de eliminar e revisar os contidos que se propagan nas súas redes sociais”. Entre os principais riscos que entrañan as notas de comunidade, a suplantación de usuarios mediante bots dixitais, cos seus ciberataques coordinados, sitúase á cabeza como unha das prácticas que impiden “unha etiquetaxe de calidade” e unha xestión “eficaz”, sinala, engadindo que en Europa o sistema de verificación de Meta continúa vixente “polo enorme risco de incumprimento legal de, entre outras normativas, a DSA ou Lei de Servizos Dixitais, que impoñería sancións económicas de gran volume a calquera plataforma que non tivese mecanismos de moderación e resposta a bulos, información daniña ou outro contido prexudicial polo seu fomento de odio”.
Entre as claves deste problema desenvólvese unha máxima: non existe un consenso claro sobre como xestionar adecuadamente os contidos en redes sociais. Pero para Víctor Salgado a solución está moito máis alá da maneira de verificar a veracidade do que se envorca nas plataformas. “O cambio ha de ser dobre. Primeiro, necesitamos que nos espazos educativos, desde colexios a institutos e universidades, sexamos instruídos no uso responsábel das tecnoloxías; en como o que dicimos na Internet ten un impacto nos demais”.
“A segunda”, contextualiza Salgado, “é traballar no redeseño dos algoritmos das redes sociais. Estableceuse un modelo que pugna pola nosa atención, que busca que permanezamos na plataforma. E para iso prímase, sempre, o contido moi rechamante, que a maior parte das veces coincide co máis radical. Os algoritmos favorecen as mensaxes máis polémicas e ocultan os contidos máis sosegados”. Ese é o principal problema para o avogado especializado en Dereito Dixital: o relevante é xerar interaccións, mesmo aínda que participen personaxes extremos.
Fronte a isto, “necesitamos novos algoritmos que primen e visibilicen a sensatez, a menor radicalidade, o pensamento reflexivo. Pero supón ir en contra do interese económico das plataformas e o seu modelo de negocio. Perderían a nosa atención, é certo, pero gañariamos como sociedade e como democracia moitísimo máis”, conclúe Salgado.