Víctor Salgado: “O concepto whistleblowing fomenta a transparencia e a rendición de contas nas empresas”
luns, 16 de xuño do 2025
O bufete galego especializado en Dereito Dixital Pintos & Salgado compartiu este mes de xuño un novo estudo centrado nas implicacións da transformación tecnolóxica, máis concretamente centrado nun dos conceptos clave en materia de rendición de contas e transparencia empresarial: a Directiva Whistleblowing, aprobada en 2023 pola Unión Europea. A través dela, a Unión Europea salienta “a relevancia de establecer mecanismos de denuncia dentro das empresas, da man de novas fórmulas de protección para calquera traballador denunciante, cun claro horizonte de promover cambios na cultura organizativa do tecido empresarial europeo”.
O concepto que lle dá nome á directiva transposta da UE é o fío temático do novo informe de Pintos & Salgado, a través do seu socio-director Víctor Salgado: “Cando falamos de whistleblowing, referímonos a calquera sistema que actúe como canle de denuncias, desde un correo electrónico a unha páxina web ou intranet particular, e que permita xestionar as comunicacións que entren por esa vía. Trátase dunha ferramenta clave no día a día dunha organización porque garante, por unha banda, transparencia, e, pola outra, rendición de contas”.
Para o avogado especialista en protección de danos e ciberseguridade, a existencia dunha canle whistleblowing (obrigatoria en empresas de máis de 50 empregados, e aconsellable nas pequenas e medianas empresas) “fomenta unha cultura organizacional moito máis ética e envorcada coa transparencia e a denuncia de posibles abusos, mellorando a confianza interna e impactando positivamente na reputación externa da organización”.
E, desde logo, engade o avogado galego, presenta un considerable “carácter preventivo”, ao actuar como un vehículo de detección de condutas que poderían escalar a vulneracións de dereitos máis graves.
Víctor Salgado engade que “non abonda con habilitar a canle: é necesario que as comunicacións recibidas sexan xestionadas con axilidade, rigor e confidencialidade, máis aló de simplemente facer soar o chifre, como suxire o termo en inglés”. Ademais de realizar o seguimento e aanálise das denuncias, é “aínda máis relevante que todo traballador teña claro que o sistema de whistleblowing é seguro, confidencial e independente. Se non se proporciona esa certeza, non se usará nin será efectivo como ferramenta porque haberá medo a represalias dentro da empresa”, recalca Salgado.
O avogado lembra que a propia Directiva Whistleblowing impulsada pola Unión Europea xa estipulaba en 2023 un conxunto de características que debían rexer a protección dos denunciantes, sabendo que era un elemento clave para a efectividade da canle de denuncias: “Nesta lexislación márcanse sobre todo límites temporais, como dar ao informante un acuse de recibo nun prazo de 7 días desde a recepción da comunicación e limitando, agás en casos moi complexos, o proceso de xestión e investigación da denuncia ata máximo 3 meses”.
De igual maneira, na estrutura organizativa da empresa débese designar un responsable para este proceso, que deberá ser un directivo nomeado polo órgano de administración, “aínda que deberá exercer o seu cargo con independencia”. Para Salgado, este abano de medidas contribúe a unha protección efectiva, que sempre deberá reservar a identidade do informante e que se estenderá durante un período de dous anos para el, sen poder verse sometido a represalias pola información que revelase. “No caso de que se demostre que un traballador recibe unha represalia por denunciar un acto ilegal ou eticamente reprobable, poderá haber medidas disciplinarias ou de responsabilidade como indemnización por danos e prexuízos”, contextualizan desde Pintos & Salgado, engadindo que a Directiva Whistleblowing tamén recolle a creación da Autoridade Independente de Protección do Informante (AIPI), un organismo con autonomía dos poderes públicos que actúa como canle externa de denuncias e ao que se pode acudir con todas as garantías de seguridade.
Respecto da relevancia cultural desta ferramenta, Víctor Salgado explica o seguinte: “Esixir legalmente a posta en marcha dunha canle de whistleblowing axúdanos a actualizar a cultura organizativa das empresas. E iso implica estarmos vixiantes ante condutas pouco éticas ou ilegais desde a directiva e desde os traballadores: comprometernos colectivamente dentro das organizacións para loitar contra a corrupción, a fraude financeira, prácticas que danen ao medioambiente…”. Así, é unha nova obriga que se suma aos protocolos e procedementos que toda empresa debe dispoñer para garantir dereitos básicos no día a día. “Se queremos organizacións comprometidas, eticamente responsables e en liña co que marca a lei, debemos garantir cuestións como a igualdade, a desconexión dixital, a protección ante o acoso ou os abusos, e o whistleblowing é clave nesta modernización cultural”, conclúe Víctor Salgado.
