Víctor Salgado, crítico coa ferramenta de IA de Elon Musk que vulneraría dereitos da cidadanía

venres, 30 de agosto do 2024 S. P.

O bufete galego Pintos & Salgado prosegue este mes de agosto informando sobre o sempre cambiante (e interesante) mundo do dereito dixital. Nesta recta final da tempada alta estival o avogado e comunicador Víctor Salgado pon o foco no empresario Elon Musk e en Grok, unha interface que en palabras de Salgado “resulta unha ferramenta pouco transparente que vulnera os dereitos da cidadanía”.
O bufete galego faise eco deste xeito da polémica xerada este verán no ámbito da tecnoloxía dixital, cando os propios usuarios de X (antes Twitter) alertaron sobre un cambio nas condicións de uso da plataforma, sen ningún tipo de anuncio previo nin consentimento: de “forma subterfugia”, a rede social estaba a utilizar datos dos usuarios para adestrar a Grok, a nova IA de Musk para competir co resto de intelixencias artificiais asistenciais.
O experto en dereito dixital Víctor Salgado destaca unha das cuestións máis relevantes: “O mero feito de que sexan os usuarios quen detectan e informan nos seus perfís de X deste cambio nas condicións de uso da plataforma xa chama a atención. X non estableceu ningún aviso de implementación nin ningún tipo de solicitude de consentimento previo para utilizar os datos da rede social no adestramento de Grok”. De feito, esa reacción cidadá á que alude Víctor Salgado é a que puxo en sobreaviso á Axencia de Protección de Datos Irlandesa, a entidade competente no conflito que xa demandou a Elon Musk pola súa mala praxe. De feito, esta acción legal, xunto coa resposta civil, conseguiu que X deixe de usar os datos dos usuarios da Unión Europea para adestrar a Grok.
Entre os principais puntos de conflito, baixo a perspectiva de Víctor Salgado, “está o deseño dunha interface oculta, con nula capacidade e intención de transparencia; podemos ver que mesmo hai titoriais para acceder á desactivación de Grok. Para rexeitar o uso dos nosos datos por parte da IA, debemos acceder a X desde unha versión web, navegar dentro de varias casas de opcións e, ao peche dunha das listas, desactivar o consentimento automático. En termos de usabilidade, é laberíntico”, sinala o avogado, engadindo que esta opacidade, co maior número de trabas posíbeis, “contravén a normativa europea de maneira directa”. O bufete galego lembra tamén que “para facelo segundo marca o Regulamento Europeo de Protección de Datos de 2016, X tería que establecer un pop-up ou aviso informando do cambio no uso dos datos, xunto cunha casa de aceptación do novo tratamento; e, ademais, incorporar unha ligazón a unha páxina web ou portal con todo o contexto detallado desta novidade”. E engade: “Debe haber unha aceptación explícita e consciente, de tal maneira que se saiba que persoas permiten o tratamento dos datos para adestrar á intelixencia artificial Grok e quen non. Pero esta fórmula de implementación tan pouco transparente vulnera os dereitos dos usuarios, e ademais seguimos sen saber en realidade desde cando se estiveron utilizando os nosos datos para o adestramento”, expón Salgado.
Á polémica no adestramento de Grok súmase agora unha segunda capa. Así, segundo recorda o avogado, a súa falta de filtros e censura, nun intento de Musk por demostrar o “grao de liberdade” da IA, “está a desembocar na produción de imaxes violentas, sexualizadas ou vexatorias con figuras da vida pública como Kamala Harris ou Donald Trump, ademais de grandes celebrities”.
Diferentes usuarios comparten as súas creacións coa Intelixencia Artificial de Musk e demostran, en palabras de Víctor Salgado, “a falta de límites éticos, sen corpiños á hora de xerar e compartir instantáneas con fins daniños e violentos”. De feito, tamén a Comisión Europea abriu unha investigación contra X por incumprir a Lei de Servizos Dixitais (DSA), ao non atender as obrigacións sobre contidos ilegais e desinformación que si inclúen límites a esta tipoloxía de fotografías. Todo isto, segundo conclúe Víctor Salgado, para que Musk “posicione Grok o máis rápido posíbel fronte ao resto de competidores, desde OpenA a Google ou Meta”, pero con “claros custos para os usuarios no relativo á protección dos seus datos”.