Víctor Salgado debateu co CPEIG sobre protección de datos, Intelixencia Artificial e postverdade

xoves, 21 de febreiro do 2019 Redacción

Hoxe celebrouse unha nova sesión do programa de debates tecnolóxicos tres14.pm, posto en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para impulsar o intercambio de coñecemento e o networking entre as colexiadas e colexiados, por unha banda, e profesionais expertos e referenciais, pola outra. A actividade desenvolveuse no restaurante Árbore da Veira no Mirador do Monte de San Pedro da Coruña. O persoeiro convidado foi o avogado especializado en TIC Víctor Salgado Seguín, quen centrou o seu relatorio en tres liñas argumentais: o regulamento sobre protección de datos, a lexislación relacionada coa Intelixencia Artificial, e o tratamento dos datos das redes sociais por parte dos partidos políticos.
Salgado abriu fogo debullando as normativas actuais referentes á protección de datos, poñendo o foco no Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea de 2016 e na Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais de 2018, onde se establecen novas obrigas e responsabilidades para as empresas e profesionais que traten datos. Relacionou tamén estas normas cos novos modelos de negocio que xorden na Rede e o que contempla o actualizado Réxime Sancionador de Protección de Datos.
No relativo á Intelixencia Artificial, Víctor Salgado compartiu cos asistentes o contexto legal actual, destacando que se trata dunha tecnoloxía que queda fóra da lexislación, aínda que existe un proxecto da Unión Europea para regular esta cuestión, establecendo límites e un código ético, tanto para compoñente de software como de hardware. Comentou tamén os modelos de IA máis coñecidos a día de hoxe, como son a explotación de datos que usa Google (Google Assistant) e Amazon (Alexa) ou outro asistente de voz como o Siri de Apple.
Outro tema relevante que tratou Víctor Salgado foi o tratamento que realizan os partidos políticos dos datos persoais presentes nas redes sociais a través das tecnoloxías de análise da información a gran escala, o Big Data, aspecto que contempla a actual lei española de protección de datos.
Ao fío do devandito, Salgado tamén tocou temáticas como a postverdade, un novo concepto que alude á manipulación e a difusión de noticias falsas para influír na sociedade e na súa vontade de voto. Como exemplos reais disto, lembrou os escándalos relacionados coa compañía inglesa Cambridge Analytica que supostamente utilizou datos de contas de Facebook para a campaña de Trump e no proceso electoral do Brexit. “Sospeitamos que esta é a punta do iceberg polo que se precisa maior vixilancia na protección de datos e na privacidade dos usuarios de redes sociais. En España non se confirmou ningún caso. Aínda que todos os partidos políticos están presentes e activos nas redes sociais, ata a fecha non hai constancia de técnicas semellantes”, dixo.

PUBLICIDADE