Victoria Otero, Berta Caro, Marta Arufe e Alejandra González celebraron en Ames o 11F

martes, 18 de febreiro do 2025 S. P.

Os IES de Ames e do Milladoiro acolleron a semana pasada e con motivo da celebración do 11 de febreiro (Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia), unhas charlas que lle amosaron á mocidade local as posibilidades que ofrece o ámbito da ciencia e a tecnoloxía na actualidade, así como reivindicar o talento feminino nestes eidos de actividade.
As conferencias estiveron protagonizadas pola presidenta da Real Sociedade Matemática Española, Vitoria Otero; a directora corporativa da empresa tecnolóxica Tecalis, Berta Caro; unha das xefas de alto proxecto da empresa CATEC (Centro Avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais), Marta Arufe, e unha das enxeñeiras de CATEC en Galicia, Alejandra González.
As actividades tamén asistiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Educación, Carmen Porto, e a concelleira de Igualdade, Uxía García.
Ana Belén Paz, destacou que “Ames é un dos 90 municipios de España que pertence á Red Impulsa, o que nos converte en referentes dentro do ámbito da innovación e a tecnoloxía, demostrando as posibilidades que ofrece o noso concello para desenvolver proxectos punteiros nestes ámbitos”.
A concelleira de Educación, Carmen Porto animou aos mozos e mozas a “aproveitar e escoitar a referentes no ámbito da ciencia como as mulleres de hoxe, xa que é unha oportunidade para descubrir opcións de futuro e posibles ramas profesionais ás que podedes chegar”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Uxía García, tamén motivou á mocidade a “aproveitar moito a experiencia do que conten nesta xornada e nunca vos poñades barreiras a vós mesmos. Hoxe temos aquí catro exemplos moi bos de igualdade e de superar barreiras que ata hai pouco eran impensábeis”.
A primeira en intervir e narrar a súa experiencia profesional foi a presidenta da Real Sociedade Matemática Española, Victoria Otero, moi afincada no municipio de Ames. Ao longo da súa intervención explicou os motivos polos que se conmemora este día, dando a coñecer mulleres pioneiras no ámbito científico e que, para o público xeral, adoitan ser descoñecidas. Tamén reivindicou a importancia da necesidade de mulleres no ámbito científico pois “se non hai ciencia en feminino, hai temas que só se van a estudar desde unha mesma perspectiva, provocando así unha fenda de xénero moi significativo”. Ademais, Vitoria Otero achegoulles á mocidade amesá as posibilidades que ofrecen as matemáticas no noso día a día.
Pola súa banda, a directora corporativa da empresa local Tecalis, Berta Caro, explicou ao alumnado dos institutos de Ames as posibilidades que ofrece a tecnoloxía de hoxe e que, coma foi a súa situación, vai máis aló dos clásicos perfís técnicos. Lembrou que Tecalis é unha empresa pioneira en España, centrada, entre outros temas, na verificación da identidade dixital. Ademais de explicar as funcións da súa empresa, Berta Caro demostroulle ao alumnado presente os perigos que tamén posibilitan as novas tecnoloxías, coma por exemplo a suplantación de identidade a través da Intelixencia Artificial.
As últimas en intervir foron Marta Arufe, unha das xefas de alto proxecto da empresa CATEC, e Alejandra González, enxeñeira en Galicia desta empresa. Ámbalas dúas achegaron as súas experiencias persoais aos mozos e mozas, explicándolles as barreiras coas que se poden atopar ao longo do camiño, concretamente na etapa da universidade, así como demostrar que as mulleres novas tamén poden entrar no mundo da enxeñería.
Marta Arufe debullou todas as súas funcións en CATEC, como o deseño de negocio, demostrando así que ser enxeñeiro non consiste só en programar ou nunha vertente puramente técnica. No outro lado, Alejandra González explicou o proceso de frustración e incerteza que afrontou ao longo da universidade mais que isto non supuxo poder acadar finalmente os seus obxectivos e chegar ao posto no que está hoxe en día.