Videoteléfono para Skype

martes, 9 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A tenda en liña de Skype incorporou ao seu catálogo o videoteléfono AiGuru SV1 que permite utilizar a plataforma de mensaxería instantánea, voz e vídeo de Skype para comunicarnos sen a necesidade de empregar un ordenador para tal tarefa, aínda que cun prezo un tanto elevado (269,95 euros).
O videoteléfono ten unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 600 píxeles, o que permite unha visualización bastante boa (mellor incluso que a que achega a súa cámara, que só capta vídeo a 640 x 480 píxeles) coa vantaxe de que este tipo de comunicacións non teñen custo a través da Internet (que se pode establecer por Ethernet ou Wi-Fi).
Se nalgún momento é preciso trasladar o videoteléfono para dar algunha indicación tamén conta cunha batería interna que lle permite operar sen conexión á rede eléctrica durante 20 minutos, o que resulta válido para momentos puntuais, e tamén inclúe conexións para micrófono e auriculares (para o caso de non querer empregar os integrados no trebello).
O AiGuru SV1 conta así como principal vantaxe que fai accesibles os servizos de VoIP e videoconferencia, aínda que cun prezo bastante esaxerado, pois por eses cartos se pode adquirir un ultraportátil de baixo custo que tamén podería operar con Skype (e que tamén integran webcam).

PUBLICIDADE