Videoxogo.gal, MUVI e Devuego xuntan forzas para visualizar online a puxante industria galega

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

A asociación Videoxogo.gal (Asociación Galega de Videoxogos) e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) emitiron un comunicado conxunto no que informan do seu compromiso para “apoiar e manter a iniciativa de DeVuego de crear unha listaxe unificada que amosa información específica sobre o sector do videoxogo en Galicia”. Esta novidade, sinalan, permitirá abordar, visibilizar e divulgar a realidade da industria galega deste sector.
Segundo explican, DeVuego é a maior base de datos do sector a nivel estatal amais dunha referencia en contidos sobre a industria do videoxogo de toda España, actualizada de xeito constante polos propios creadores a través do seu sistema de xestión de contidos. A gran novidade, engaden, é que a partir de agora, DeVuego_GAL filtra os datos da base de datos central de DeVuego para “amosar só información sobre o videoxogo en Galicia”, e ademais “co engadido de facelo en galego”.
Esta iniciativa nace grazas ao esforzo de Yova Turnes, o creador de DeVuego, e como resultado da necesidade de que este sector profesional poida contar cunha guía de referencia para títulos, proxectos, empresas e información sobre outras persoas que teñan como común denominador a industria do videoxogo. A medida viría a encher o baleiro que outras plataformas ou RRSS xenéricas non darían enchido no ámbito divulgativo, como por exemplo LinkedIn ou as páxinas empresariais particulares.
Unha ducia de empresas punteiras
No Libro Branco do Desenvolvemento de Videoxogos en Galicia especifícase que a industria na nosa comunidade está constituída por 11 empresas, ademais de 13 estudios con proxectos en desenvolvemento á espera de constituírse como entidade legal. No seu conxunto, esta industria facturou en 2018 1,9 millóns de euros e deu emprego a 80 profesionais de forma directa.
Conclusións
Segundo conclúen Videoxogo.gal e o MUVI, “a industria segue a medrar, agora coa necesidade de coñecerse a si mesma por vontade dinamizadora e empresarial, e ao mesmo tempo cultural. Como foi e como é a industria galega do videoxogo, é unha pregunta que DeVuego, Videoxogo.gal e a Fundación MUVI aspiran dar resposta a través deste punto de partida común”.
Nas súas palabras, “o sector do videoxogo galego, a través da súa asociación de empresas, apunta ao presente e ao futuro, recoñecendo e reflectíndose nunha base de datos que a representa, por ser á súa vez tanto un consenso social entre os creadores como un motivo para animar aos novos creadores a rexistrar as súas obras, sexan da índole que sexan, na plataforma”.
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia remarca a importancia da sección de DeVuego como “unha das fontes de información das que beberá, entre outras, para recoller información, desenvolver as súas actividades e exposicións, e sobre todo integrar na súa colección permanente, segundo o contexto, as obras de tódolos creadores galegos”.

PUBLICIDADE