Viewnext e a UVigo achegan aos estudantes formación avanzada na empresa

venres, 1 de decembro do 2017 Redacción

Ao abeiro da Cátedra Viewnext, posta en marcha en 2016 pola dita empresa e a Universidade de Vigo (dirixida a impulsar o talento no sector tecnolóxico), vénse de anunciar a vindeira posta en marcha, para este curso académico, dun programa de aceleración curricular destinado a incentivar a formación especializada e a empregabilidade do alumnado do Máster en Enxeñaría Informática que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. O programa pretende “proporcionar maiores oportunidades laborais e de formación ao alumnado de mestrado” e “fomentar a captación e retención de talento por parte de Viewnext coa incorporación de persoal en formación con maior nivel de especialización e compromiso coa empresa”, segundo informaron os seus responsábeis.
Respecto das vantaxes que ten para o alumnado, salientaron as posibilidades que se abren para acceder á formación en tecnoloxías punteiras desde un punto de vista empresarial e poder compatibilizar unha actividade laboral co estudo dun mestrado. Para resolver este reto, a iniciativa propón un itinerario dunha duración de ano e medio paralelo e compatíbel cos horarios de realización do mestrado. Este itinerario comeza coa formación dos participantes durante tres meses a cargo da empresa, participando en cursos específicos de alta capacitación. Os estudantes seleccionados que superen esta primeira fase poderán incorporarse á empresa cun contrato laboral a tempo parcial tamén compatíbel cos estudos que están a realizar.
Debido á gran demanda de enxeñeiros informáticos que hai, subliña Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, “o que está acontecendo é que os nosos alumnos e alumnas comezan a traballar tan axiña como rematan os estudos de grao, ou mesmo antes de acabar a carreira, e non realizan o mestrado”. Polo tanto, a intención é “incentivalos para que o fagan”. A devandita formación, engade Francisco Javier Rodríguez, é a continuidade formativa do grao e forma ás futuras enxeñeiras e enxeñeiros en Informática, sendo equiparábel ao nivel formativo de enxeñeiro en Informática que había antes do Plan Boloña. “Esta adquisición de coñecemento permite ao alumnado acadar novos niveis profesionais dun xeito máis rápido e é apreciada polas empresas dado que dota aos estudantes de maior nivel competencial”, detalla.

PUBLICIDADE