Viewsonic presenta novas cámaras de peto con valor engadido

martes, 16 de novembro do 2010 Marcus Fernández

A febre das 3D está a achegar unha serie de dispositivos de baixo custo que pretenden atender unha demanda que, aínda que non moi elevada, ten dificultades para ser atendida, de aí que Viewsonic anuncie a súa cámara de peto 3DV5 no mercado norteamericano (en Europa xa está dispoñible) por un prezo de 179,99 dólares e capaz de tomar imaxes de 5 Mpíxeles e gravar vídeo a 720p tanto en 2D coma en 3D; completándose o trebello cun marco dixital do mesmo prezo, o 3DPF8, que na súa pantalla de 8 polgadas pode amosar contidos tridimensionais sen a necesidade de lentes.
Para redondear os lanzamentos, Viewsonic tamén anuncia a cámara de peto DVP5, que aínda que non aposte polas 3D, destaca por integrar un proxector de vídeo (capaz de xerar unha imaxe de ata 65 polgadas), o que non está nada mal para un trebello que custa 329,99 dólares. Este trebello pode gravar vídeo a 720p e tomar fotografías a 5 Mpíxeles, utiliza coma fonte de almacenamento tarxetas microSD de ata 32 Gb, pero tamén acepta como fontes de vídeo externas para o seu proxector, polo que é unha interesante solución para un proxector de viaxe, que conta cunha lámpada LED cunha vida de 20.000 horas.

PUBLICIDADE