Vig-Sec Drone e AP Asesoría gañan os XX Premios AJE Vigo

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

A empresa Vig-Sec Drone, con sede en Nigrán, e AP Asesoría, de Vigo, son os gañadores da vixésima edición do Premio Novo Empresario e Empresaria e Iniciativa Emprendedora, respectivamente, organizados por AJE Vigo.
Como lembraremos, Vig-Sec Drone é unha startup especializada en seguridade, emerxencias e defensa posta en marcha polos irmáns Rubén e Noelia Gil en 2019. A compañía redefine as operacións estratéxicas empregando drons con tecnoloxía de vangarda e disruptiva. Ademais de ocuparse da seguridade de grandes eventos, realiza inspeccións en infraestruturas críticas como muíños eólicos, vías férreas ou terreos de difícil acceso. A empresa ten como misión protexer vidas e lugares con innovación, precisión e impacto real. Ademais, son os creadores de Suite Acre, un software avanzado capaz de coordinar operacións simultáneas por terra, mar e aire entre aeronaves tripuladas e non tripuladas.
Na categoría Iniciativa Emprendedora, a vencedora foi AP Asesoría, firma fiscal e contable constituída en Vigo en maio de 2025 por Ana Prado Cabral e Fran Barros Cordo. Dedícase ao acompañamento do autónomo no relativo á fiscalidade e contabilidade. A dixitalización da empresa, concretamente a través das súas redes sociais, permitiulle expandirse por toda España.
Accésits
Dentro da categoría Mellor Empresario e Empresaria entregáronse dous accésits. O de Innovación foi para Adleta Solutions, empresa posta en marcha por Adrián Pena, en Vigo. Dedícase ao desenvolvemento de cociñas virtuais así como á xestión de cociñas propias multimarca para modelo domicilio e take away. Opera na actualidade en cinco países con máis de 100 restaurantes virtuais.
O segundo accésit, o de Responsabilidade Social Empresarial, recaeu en Skeirrum, plataforma de scape rooms dixitais e xeolocalizados fundada en 2022 na Guarda por Erea Rodríguez Martínez. Hoxe suma máis de 150 proxectos para concellos, deputacións, GDRs, centros educativos e empresas, con liñas diferenciadas en turismo, educación e team building. Segundo salientou o xurado, “a responsabilidade social é un dos seus piares” e ademais ensinan experiencias educativas que fomentan a igualdade, a corresponsabilidade, a inclusión e a diversidade, en colaboración con centros educativos, ANPAS e administracións públicas. A maiores, “aplican principios de conciliación, igualdade e transparencia, co obxectivo de xerar un impacto positivo e duradeiro nas comunidades onde operamos”, salientou o xurado.
Durante a gala entregouse o Premio Honorífico a Alfredo Blanco, fundador en 1999 de S4 Solucións Aseguradoras en Vigo. Baixo o seu liderado, o grupo creceu ata converterse na maior correduría de seguros de capital privado 100 % galego, con presenza en España e Portugal. En 2025, impulsa a creación de Suevia, firma especializada en xestión de riscos empresariais, con oito oficinas nacionais e unha sede no Porto.
O acto, no que participaron preto de 100 convidados, celebrouse en Vigo, na sede de Zona Franca. Contou coa presenza de numerosas autoridades entre as que se atopaban o alcalde desta localidade, Abel Caballero; o conselleiro de Emprego, José González; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, ou a delegada da Xunta de Galicia, Ana Ortiz, entre outras personalidades do mundo empresarial e social de Galicia.