Vigo abre web sobre a súa arte na rúa

mércores, 12 de xullo do 2017 Redacción

O Concello de Vigo vén de pór en marcha unha nova web informativa, ciudaddecolor.vigo.org, sobre a campaña de arte na rúa Vigo, Cidade de Cor, que vai pola súa terceira edición. A páxina foi dada a coñecer polo rexedor, Abel Caballero, e pola tenente de alcalde, Carmela Silva. Segundo puidemos saber, a páxina ten autonomía propia malia estar ligada á dita iniciativa de arte urbana, sendo a faciana visíbel da mostra pero, tamén, dun xeito de crear e de remodelar as feituras externas das cidades que é en si mesmo unha revolución estética, urbanística e arquitectónica. Na páxina pódese acceder a toda a información do proxecto, en palabras do alcalde “unha mostra do talento de artistas xa consolidados e unha oportunidade de dar a coñecer na cidadanía o traballo de artistas noveis”.
Caballero confirmou que, dado o éxito acadado por esta campaña de embelecemento dos espazos urbanos, esta terá continuidade en futuras edicións marcándose como obxectivo chegar a cifra de 100 obras nos próximos anos.
Estas obras estarán firmadas por diferentes artistas locais e nacionais como: Delio Rodríguez, María Romero, Pinche, Maria Jose Pulido. Teresa Irisarri, Silvia Rodríguez Pena (SAX), Noel Peres Fungueiriño, Elara Elvira e Ana Santiso, Iria Blanco e Pedro Sardiña. Ademais nesta edición haberá dous artistas internacionais convidados: Hazul e Mona Car o que demostra o éxito internacional desta iniciativa.
O alcalde tamén anunciou que todos os murais que se levan feito nas dúas anteriores edicións e os de esta terceira recibirán un tratamento especial para garantir a súa preservación e preservar así un bo estado de conservación "durante alomenos 100 anos".
Caballero e Silva destacaron tamén que esta nova web, dispoñíbel en galego, español e inglés, ten como obxectivo dar a coñecer tanto os cidadáns de Vigo como a quen nos visitan toda a información das obras, da súa localización exacta, e os datos das artistas e os artistas que as asinan.

PUBLICIDADE