Vigo acolle a VI edición das Xornadas Videoxogo e Literatura
luns, 30 de setembro do 2024
A relación entre Literatura e Videoxogo farase realidade unha vez máis na sexta edición das Xornadas Videoxogo e Literatura, unha actividade anual da Fundación Carlos Casares, patrocinada polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galician. Esta actividade nace coa vontade de ampliar o coñecemento público do sector e afondar nas perspectivas de crecemento , apuntando retos e desafíos dos e das súas profesionais.
Indo a esta sexta edición, sinalar que se desenvolverá do martes 8 ao xoves 10 de outubro no MARCO de Vigo (Edificio MARCO, rúa Príncipe, 54, Vigo- Galería A3) e desta volta atoparemos novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (tradución, creación de contidos, creación indie, mangas, proxectos educativos e formativos, etc.), unha masterclass sobre deseño de narrativas, experiencias profesionais, etc.
Indo ao evento, dicir que será presentado por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes estarán: Antonio Gil, Adrián Suárez, Ángel Luis Sucasas, Beatriz Legerén, Leticia Costas, Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista), Lara Portela, Juan Luis Lorenzo, Carlos Rodas, Sara Romero, etc.
Engadir que este ano colaborará no encontro a Asociación RetroGalaicos, centrada na recuperación de hardware e videoxogos retro. Baixo o título BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!, a entidade desenvolverá entre os días 8 e 12 de outubro unha exposición sobre videoxogos dos 8 aos 64 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e obradoiros para escolares e familiares o sábado, para achegarse á evolución do lecer interactivo dos videoxogos retro.
Informar que a entrada ás xornadas é de balde, sendo recomendábel (en termos de aforo) que as persoas interesadas se apunten previamente na páxina web das xornadas. No caso dos obradoiros, debe contactarse co museo MARCO de Vigo.