Vigo acolle en setembro o principal cumio mundial sobre criptografía cuántica

martes, 30 de xullo do 2024 S. P.

A UVigo xa ultimou os detalles para inaugurar en setembro o que sería o principal cumio mundial de criptografía cuántica, a 14 edición da International Conference on Quantum Cryptography, a conferencia QCrypt, un evento que, por primeira vez na súa historia celébrase en España, da man da institución educativa viguesa e o Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA.
A cita será do 2 ao 6 de setembro na seda Afundación coa participación de arredor de 250 participantes, a inmensa maioría internacionais, procedentes de países como China, Xapón, Canadá, Inglaterra, Austria, Italia, Corea do Sur, Francia, Suíza, Australia, Singapur, Estados Unidos, Rusia, Israel, Alemaña… que traballan nas múltiples vertentes que inclúe o desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías que garanten en boa medida o medre constante da seguridade e confidencialidade das comunicacións.
“Qcrypt é o congreso internacional máis relevante no campo das comunicacións cuánticas e, nesta edición, ao igual ca nas anteriores, contamos coa participación dos principais expertos internacionais nesta área”, explica o responsábel do comité organizador, Marcos Curty, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e director científico do Vigo Quantum Communication Center, adscrito ao centro de investigación AtlanTTic, no que colaboran empresas e universidades dunha ducia de países e co que se contribuíu de xeito definitivo a situar a Galicia no mapa mundial das comunicación cuánticas.
A conferencia anual sobre criptografía cuántica, QCrypt, é un encontro internacional aberto ao alumnado e á comunidade investigadora que traballa en todos os aspectos da criptografía cuántica, o que inclúe investigacións teóricas e experimentais sobre as posibilidades e limitacións da comunicación e a computación seguras con dispositivos que explotan os efectos da mecánica cuántica, ou na presenza de dispositivos que empregan estas tecnoloxías.
A UVigo dará a coñecer 15 traballos de investigación realizados neste último ano, explica Curty, ao que engade que “debido ao alto interese amosado por moitas das persoas participantes, está previsto realizar para eles unha visita guiada aos laboratorios experimentais do centro vigués de comunicacións cuánticas, na que lles amosaremos as fabulosas instalacións coas que contamos na Universidade de Vigo neste eido”.
Serán tres xornadas -de 09.00 h a 18.00 h- de intensas actividades. Comezarase o luns 2 cunha pequena benvida e, a partires de aí, arrancarase cos 13 relatorios de relatores convidados e 22 contributed talks, “relatorios seleccionados para a súa presentación oral entre todos os recibidos, que superaron os 150”, explica Curty, ao que engade que tamén se exporán en torno a 170 pósters.
Para o martes día 3, ás 19.00 horas, está prevista unha charla divulgativa aberta ao público en xeral sobre comunicacións cuánticas impartida polo prestixioso físico Antonio Acín, especialista en información cuántica do Instituto de Ciencias Fotónica, ICFO, e cuxos traballos sobre como se pode codificar, procesar e transmitir información en partículas abriu novas portas á transmisión de datos máis segura.
O xoves 5 haberá unha sesión “industrial” liderada por un representante de Telefónica, na que tamén participarán representantes das principais empresas internacionais do sector, así como, posibelmente da Comisión Europea, “que neste momento lidera unha iniciativa sumamente ambiciosa que busca despregar unha rede de comunicacións cuánticas no noso continente durante esta década”, apunta o coordinador do congreso.