Vigo albergará a factoría de chips fotónicos máis importante de Europa
xoves, 8 de agosto do 2024
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recibiu no Consistorio este mércores 7 de agosto ao director executivo (CEO) da empresa Indra, José Vicente de los Mozos, nun encontro no que tamén estivo presente o delegado da Zona Franca, David Regades. Durante a reunión, o responsábel de Indra, unha das principais empresas globais de consultoría e tecnoloxía, reiterou a súa intención de liderar a fabricación de chips fotónicos, o proxecto Sparc, promovido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, unha vez coñecida a importancia desta iniciativa para a industria da contorna e da potencialidade de Vigo para encabezala.
Segundo salientaron o alcalde e o delegado da Zona Franca, a capacidade da Universidade de Vigo de xerar especialistas en semicondutores, tanto en investigación como en produción, “converten a Vigo no lugar idóneo para albergar a futura fábrica de chips fotónicos máis importante de Europa”.
Durante o encontro abordouse tamén a relevancia de Indra para Galicia en materia de postos de traballo, cun número que rolda os 1.500, dos que 150 están en Vigo. “Supón unha gran noticia para a cidade e e súa industria que Indra se asente no entorno da cidade cun proxecto de alta tecnoloxía como o da planta de chips fotónicos”, sinalou o rexedor.
Para quen non o saiba, os chips fotónicos están chamados a constituír a vindeira revolución en tecnoloxía de procesamento de datos. Estes dispositivos prometen velocidades moito máis rápidas e unha eficiencia enerxética superior aos chips electrónicos tradicionais. Ademais, a diferenza destes, empregan a luz en troques da electricidade para levar a cabo unha ampla gama de tarefas de procesamento de información.