Vigo albergará o Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa de Indra

martes, 1 de xullo do 2025 S. P.

A Zona Franca de Vigo (CZFV) e Indra Group asinaron este mediodía o protocolo de colaboración para o establecemento do Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa de Indra no VgoTIC global HUB que o Consorcio está a construír en Vigo, no complexo de López Mora.
O Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa contará con laboratorios e oficinas nas que está previsto que, para 2026, traballen máis de 200 profesionais, na súa maioría procedentes de universidades galegas e cun perfil altamente cualificado. A súa instalación impulsará o desenvolvemento económico en Galicia e, en especial, a actividade ligada ao ámbito tecnolóxico en Vigo e a súa zona de influencia.
O director xeneral de Tecnoloxía de Indra Group, Manuel Escalante, e o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron o acordo nos Xardíns do Hub TIC da Zona Franca de Vigo nun acto que contou coa presenza da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e outras personalidades galegas.
Na súa intervención, a secretaria de Estado, Amparo Valcarce, manifestou o compromiso do Ministerio de Defensa con iniciativas como esta, que reflicten “o modelo de industria de seguridade e defensa que queremos: un ecosistema de innovación aberta, que potencie o talento local, que atraia investimento e que contribúa á nosa autonomía tecnolóxica”.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, sinalou que “este novo Centro de Excelencia, cos seus laboratorios, supoñerá unha icona para o desenvolvemento na área de ultra-especialización en alta tecnoloxía no sector aeroespacial e de defensa”. Tamén fixo fincapé en que “contribuirá á soberanía tecnolóxica de Europa, situando a Vigo como polo de atracción de novas compañías do sector”. Regades concluíu que “ter a Indra no noso Hub TIC é ter a unha das grandes tecnolóxicas do mundo que nos servirá para traccionar todo o hub”.
Pola súa banda, o CTO de Indra, Manuel Escalante, destacou que “Indra dá o primeiro paso para instalarse na Zona Franca de Vigo a través do seu Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa. É unha aposta polo emprego e a tecnoloxía. Ademais de ser un importante polo tecnolóxico e industrial, Vigo conta cunha Universidade punteira, onde Indra, por certo, conta xa cunha Cátedra. Estas características fan que Galicia, Vigo e Zona Franca sexan unha localización especialmente atractiva para a captación de talento”, agregou.
O alcalde Abel Caballero subliñou “a importancia de que unha gran empresa como Indra se instale en Vigo”, o que supón, dixo, “que tecnoloxía, capacidade de evolución e emprego de altísima calidade aséntense na cidade”.
Indra ocupará o edificio 2 do Centro de Negocios do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que dispón de 2.390 metros cadrados distribuídos en sete andares. O Centro de Excelencia de Aeroespacial e Defensa será un centro de ultraespecialización en alta tecnoloxía e solucións de defensa estratéxicas para Indra relacionadas coa defensa electrónica, a vixilancia electrónica, o mando e control estratéxico e os sistemas antidrón.
O centro xerará sinerxías coa fábrica de semicondutores fotónicos de SPARC, que entrará en operación durante 2027, e estará situada no Parque Tecnolóxico de Valadares (PTL), en Vigo. Indra Group converteuse no socio maioritario de SPARC Foundry, compañía especializada na produción de semicondutores, na que tamén participan a SETT e a Zona Franca a través de Vigo Activo. Así, púxose á fronte en España do deseño e produción de chips, unha tecnoloxía cada vez máis demandada e crítica para garantir a soberanía tecnolóxica e a autonomía estratéxica de Europa.