Vigo contará cun dron subacuático
xoves, 14 de agosto do 2025
O Concello de Vigo contratou un dron subacuático por un importe de 25.000 euros. Con este avance tecnolóxico, que estará no servizo municipal durante 3 meses, “atenderemos as necesidades dos 7 quilómetros de litoral de praia” que durante todo o verán conta cunha gran afluencia de visitantes, sinalou na súa presentación o alcalde Abel Caballero, engadindo que con este dispositivo “seguimos a mellorar os sistemas de atención e salvamento”.
Caballero destacou que o vehículo non tripulado permitirá inspeccionar o fondo mariño en caso de necesidade, e inclúe “unha pinza robot dirixible para o rescate e traslado a costa”.
O dispositivo foi deseñado pola empresa Nordés Tech, con sede no Viveiro de Bértoa, Carballo. O trebello, chamado Nordés Dolphin3+, é quen de triplicar a velocidade do mellor deportista de natación do mundo, segundo se destacou na presentación oficial.
