Vigo lanza app para estreitar comunicación cos turistas, Vigo Experience

mércores, 16 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo, en colaboración coa Asociación de Hoteis de Vigo, AHOSVI, vén de deseñar e desenvolver unha aplicación para móbiles que se dirixe a enriquecer a experiencia dos visitantes na cidade, facilitando o seu contacto directo cos múltiples atractivos (turísticos, gastronómicos, hoteleiros, arquitectónicos, artísticos culturais) da mesma. Estamos a falar de Vigo Experience, unha ferramenta que salienta por mostrar, de “forma sinxela e atractiva”, toda a oferta de lecer da cidade así como os seus puntos de interese, rutas, servizos e cupóns desconto dos comercios, entre outros recursos. Está dispoñíbel para Android e iOS.
As posibilidades da aplicación foron destacadas polo alcalde, Abel Caballero, quen sinalou que a ferramenta “ten toda a información interactiva da cidade e a capacidade de xerar o retorno que nos axudará a seguir mellorando”. Asemade, fixo fincapé na necesidade de comunicarse coas linguaxes que empregan hoxe en día os visitantes, e as linguaxes dixitais están presentes cada vez máis: “O 90 por cento dos turistas usa nas súas viaxes as novas tecnoloxías, hoxe é raro ver a un turista cun mapa de papel, por iso é esencial achegarnos a eles con ferramentas como esta”.
Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros locais, Jaime Pereira, explicou que o lanzamento da aplicación “vai unido a unha páxina web e á formación que daremos ás recepcións dos hoteis para que teñan un coñecemento máis profundo de Vigo”. Pereira, amais do devandito, debullou as funcionalidades concretas da app e os diferentes xeitos de tirar proveito da mesma, sinalando que é de balde e que inclúe unha información completa dos puntos de interese da cidade, compras, hoteis, restaurantes, eventos culturais e deportivos actualizados, festas e servizos públicos. “Ademais, creamos itinerarios que van desde visitas exprés de só dúas horas ata rutas para dúas ou tres días onde, por suposto, destacan as Illas Cíes e a Ría de Vigo”, engadiu.

PUBLICIDADE