Vigo lanza unha app para falar directamente coa cidadanía

venres, 14 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo lanzou hoxe unha aplicación propia para establecer, nas súas palabras, “comunicación directa e bidireccional” coa cidadanía. A ferramenta Vigo foi dada a coñecer polo rexedor, Abel Caballero, quen destacou que permite á veciñanza recibir notificacións diarias de temas de interese, amais de datos en tempo real e información sobre máis de 5.000 elementos da cidade. Tamén permite recibir avisos sobre tráfico, cultura, actualidade ou emprego. Está dispoñíbel para teléfonos con Android ou con iOS. En palabras do alcalde, é un fundamento da estratexia do Concello para converter Vigo en cidade smart.
Outra das vertentes da aplicación é a marxe de actividade posta a disposición da cidadanía. É dicir, as veciñas e veciños poden participar a través dela subministrando alertas de incidencia ou suxestións para optimizar servizos ou equipamentos, no camiño “de mellorar a cidade” colectivamente. Toda esta información será canalizada a través do departamento de atención cidadá 010.
“Trátase dunha das plataformas cidade máis completas de España, con información de máis de 5.000 elementos da cidade e acceso a datos actualizados a diario e tamén en tempo real, caso do tráfico, as cámaras do Concello e a chegada dos autobuses urbanos, entre outros”, informou Abel Caballero, engadindo que Vigo aglutina “todos os servizos da cidade”, como a axenda de eventos, as novas e os avisos. Tamén proporciona información do tempo, do rueiro, dos parques, praias, fontes e mercados da cidade, así como das instalacións deportivas, culturais e deportivas coas que Vigo conta. Polo que se refire, ao apartado de turismo, abrangue os lugares de interese, aloxamentos, lecer, restaurantes ou os establecementos onde facer compras.
No que atinxe á mobilidade, esta ferramenta proporciona os tempos de chegada do autobús urbano ás paradas a tempo real, informa das liñas e permite calcular as rutas. Ademais, o usuario pode acceder á información sobre os taxis, aeroporto, tren e barcos, xunto a toda a información relativa ao tráfico (aparcamentos, puntos de recarga, gasolineiras, planificación de rutas, cámaras e un mapa co estado do tráfico na cidade a tempo real).
A aplicación Vigo, dispoñíbel en galego e castelán, permite configurar unha pantalla de inicio personalizada cos servizos que se desexen e seleccionar as temáticas sobre as que se queira ser notificado (novas, tráfico, axenda, emprego, transporte, convocatorias e subvencións).
A ferramenta ficará en continua evolución.

PUBLICIDADE