Vigo pode beneficiarse dunha nova tarifa de O2

mércores, 5 de maio do 2021 Marcus Fernández

O operador de baixo custo de Telefónica, O2, ofrece normalmente conexións de fibra e móbil de 500 Mbps simétricos de fibra e móbil con chamadas ilimitadas e 30 GB de datos por 50 euros/mes, pero a partir de agora é posible gozar dunha tarifa semellante, que simplemente reducindo a velocidade da fibra de 600 a 500 Mbps baixa tamén o prezo a 44 euros/mes, facendo bastante máis atractiva esta oferta, aínda que, por motivos legais esta promoción só está dispoñible nun grupo reducido de cidades, que no caso de Galicia limítase a Vigo.
Actualmente a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) considera que só hai 66 cidades con competencia dabondo para permitir este tipo de ofertas, pero esta listaxe de concellos está previsto que se amplíe a 527 ao longo do presente ano, de xeito que é probable que en poucos meses as cidades galegas e numerosas vilas poidan gozar dunha maior competencia en materia de telecomunicacións.
Concretamente as vilas galegas que poderían beneficiarse do novo escenario de competencia no sector das telecomunicacións serían Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Noia, Oleiros, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Cambados, Cangas, Marín, Moaña, Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

PUBLICIDADE