Vigo presenta o prototipo dun coche conectado colaborativo que mellorará a seguridade nas estradas

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta semana o prototipo do vehículo colaborativo conectado que xa circula pola cidade copiando información e facendo ensaios co obxectivo de mellorar a seguridade urbana con ferramentas intelixentes. Explicou tamén que o vindeiro mércores 13 de novembro farase unha demostración sobre as posibilidades que ofrece o vehículo e a tecnoloxía que incorpora para a condución. “Trátase de estender a todos os coches da cidade os avances que xa utilizan as unidades da Policía Local e de Bombeiros”, sinalou.
O alcalde explicou este martes 5 de novembro que a presenza nas rúas de Vigo do prototipo de vehículo colaborativo conectado incardínase no proxecto IN2CCAM, financiado pola UE dentro do programa Horizonte Europa, no que participan tamén as cidades de Tampere, de Finlandia; Trikala, de Grecia; Turín e Bari, de Italia; e a área metropolitana de Braga, Barcelos, Guimarães e Famaliçao.
Trátase de servizos de mobilidade “cooperativa conectada e automatizada”, explicou, engadindo que isto supón que cada coche que circule no futuro levará unha tecnoloxía que lle permitirá detectar o que suceda nunha contorna de 200 ou 300 metros, como a presenza de peóns transitando indebidamente, fochancas ou semáforos sen funcionamento. “Esa mensaxe enviarase a través do seu propio sistema automatizado e chegará ao resto de automóbiles que se atopen na zona”, detallou o rexedor.
O estudo, que conta con 5 millóns de euros de financiamento europeo, está liderado desde Vigo, destacou Caballero. O coche denomínase CARLOTA (siglas de Car Learn On-road Think Autonomus).
Caballero lembrou que a cidade conta desde 2021 coa aplicación Vigo Driving que proporciona información en tempo real sobre obras, accidentes ou aproximación de vehículos de emerxencia. “Este modelo novo aínda vai superar o que estamos a facer xa neste momento”, sinalou ao lembrar que coa aplicación, os vehículos da policía e os bombeiros contan cun sistema que lles dá prioridade semafórica para chegar canto antes ao obxectivo. “Estamos a continuar para que isto se estenda a todos os coches da cidade”, engadiu.