Vigo recibirá 600 congresistas de ciencia e telecomunicacións na primeira metade de 2023

xoves, 24 de novembro do 2022 S. P.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo esta sesmana unha xuntanza coas vicerreitoras de Investigación e Comunicación, Belen Rubio e Mónica Valderrama, para abordar a organización dun congreso de ciencia no mes de marzo e do congreso internacional EUNIS2023 European Universities and the digital transformation: Challenges and opportunities ahead. Ambas institucións, tanto o Concello como a UVigo, colaborarán na boa marcha dos mesmos. O EUNIS2023 celebrarase no Auditorio Mar de Vigo do 14 ao 16 de xuño. A cidade recibirá con estes eventos ao redor de 600 persoas.
O principal obxectivo do evento EUNIS é axudar ás institucións membros a desenvolver os seus sistemas informáticos, compartindo experiencias e traballando xuntos. Será, en palabras da UVigo, “o maior evento europeo de sistemas de información en educación superior”.
Ao longo dos tres días que durará a o congreso está prevista a participación de preto de 300 persoas chegadas de diferentes países europeos, que tomarán parte nas sesións que se celebrarán no Auditorio Mar de Vigo e nas que se abordará un amplo abano de temáticas.
Formada en 1993 e rexistrada como unha organización sen fins de lucro en 1998, EUNIS reúne as persoas responsábeis da xestión, desenvolvemento e política de tecnoloxías da información na educación superior europea e o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento de sistemas de información de alta calidade. As principais accións impulsadas polo European University Information Systems son o fomento do intercambio, a cooperación e debates entre os responsábeis dos sistemas de información da educación superior ou institutos e organizacións dentro de Europa; así como establecer relacións con organismos de supervisión a cargo dos sistemas de información en educación superior e nos institutos de investigación superior en cada país, así como a nivel europeo.

PUBLICIDADE