Vigo transfórmase en referencia internacional en ciberseguridade da man de Telefónica
xoves, 30 de xaneiro do 2025
O presidente de Telefónica España, Emilio Gayo, e a COO (Chief Operations Officer) de Telefónica Tech para España e América, María Jesús Almazor, inauguraron en Vigo esta mañá o novo Centro de Talento e Tecnoloxía da compañía, nun acto que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outras representantes políticos, empresariais e tecnolóxicos.
Situado na central do Calvario, que foi amplamente renovada, o inmóbel centrarase sobre todo no “desenvolvemento de operacións e servizos de ciberseguridade para clientes nacionais e internacionais”.
Emilio Gayo destacou: “Este Hub nace coa vocación de ser un referente en servizos de ciberseguridade, cun centenar de profesionais de Telefónica Tech e Telefónica España que darán servizo a clientes de todo o mundo. Queremos que o noso novo Centro de Talento e Tecnoloxía en Vigo sexa un sementeiro de talento onde formarse e desenvolverse no sector tecnolóxico, á vez que reafirma a nosa confianza no talento local e no futuro da Comunidade Autónoma”.
Explicou que na actualidade xa están a traballar no novo centro 100 profesionais. Unha cuarta parte pertencen a Telefónica Tech, algúns deles recentemente titulados e de nova incorporación, aos que a compañía formará para que “poidan certificarse nas tecnoloxías de terceiros máis avanzadas do mercado”. Engadiu que “só na primeira semana de apertura do centro, estes mozos recentemente incorporados realizaron 200 horas de formación”.
Na inauguración fíxose saber que o equipo de Telefónica Tech de Vigo contribuirá a potenciar os servizos de monitoraxe e supervisión do Centro de Operacións Dixitais (DOC), que ao contar con localizacións en Madrid e Bogotá fornece de atención interrompida durante as 24 horas e todos os días do ano para protexer a seguridade de pemes e grandes empresas nacionais e internacionais con servizos avanzados de ciberseguridade. Así, desde este centro ofreceranse servizos e solucións como Conexión segura para empresas, para protexer a navegación e os equipos e dispositivos dos empregados; Clean Email, para salvagardar o correo corporativo de ameazas e ataques; AntiDDoS, para brindar protección contra ataques de denegación de servizos distribuídos; WAF, para blindar o servizo web; Security Device Management, para securizar e xestionar os dispositivos de extremo a extremo; UTM xestionado, para xestionar de forma centralizada a maioría das ameazas que poden afectar a unha organización; Redes limpas, para protexer e filtrar o tráfico da organización en tempo real; e Security Edge para a seguridade xestionada da rede.
Telefónica explicou tamén que a localización en Vigo dun centro especializado nun ámbito tan relevante como o de ciberseguridade reafirma a aposta da operadora por “atraer e reter talento local cualificado e ofrecer un servizo máis personalizado e de alto valor engadido para os clientes”. Telefónica Tech, que emprega xa a máis de 60 persoas en Galicia, colaborará coas universidades galegas, e en particular coa de Vigo (onde Telefónica ten unha Cátedra) para identificar perfís novos con habilidades tecnolóxicas que poidan desenvolver a súa carreira profesional dentro da compañía. Actualmente, Telefónica Tech conta con 7.000 profesionais de máis de 60 países, dos cales uns 2.500 son de operacións de ciberseguridade, e con máis de 5.000 certificacións en tecnoloxías de terceiros.
O acto de inauguración contou tamén coa presenza, entre outros, do director do Territorio Norte de Telefónica, Manuel Alonso; da delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; da videpresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e do vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Cidrás, que é tamén director da Cátedra Telefónica.
A central do Calvario, na que se sitúa o novo Centro de Talento e Tecnoloxía de Telefónica, é en palabras da operadora “un exemplo da evolución tecnolóxica experimentada pola compañía nos últimos anos”. De 1.000 m2, dos que 250 están ocupados polo centro inaugurado este xoves 30 de xaneiro, trátase dun dos edificios máis importantes da compañía na cidade, e forma parte das centrais de cobre que se transformaron en cabeceiras de fibra óptica, desde as que se dá servizo de FTTH (fibra óptica ata o fogar) a 80.000 unidades inmobiliarias de Vigo.