Vilagarcía acolle un curso de verán da USC para mellorar a empregabilidade da xuventude con coñecemento TIC
martes, 20 de xuño do 2023
O
Grupo de Investigación Esculca, da USC, coa colaboración das
Concellerías de Xuventude e Educación do Concello de Vilagarcía de
Arousa, organiza
o curso de verán A formación e o emprego da xuventude nun mundo
dixital, dirixido a permitir que a mocidade local suba nova
novos chanzos en materia de capacitación tecnolóxica, con vistas a
mellorar a súa empregabilidade. Celebrarase os días 18, 19 e 20 de
xullo de 2023 no Auditorio de Vilagarcía, en horario de mañá e
tarde.
A
actividade formativa conta con 150 prazas e está aberta a todo tipo
de público. A matrícula ten unha cota xeral de 70 euros e outra
bonificada, a 40 euros, para estudantes, persoas desempregadas,
pensionistas e membros da asociación de antigos alumnos da USC. As
persoas interesadas poden inscribirse ata o 7 de xullo a través da
web da USC.
Segundo
informan fontes do Consistorio, “este novo curso da USC pon de
manifesto un ano máis a firme vocación universitaria que ten
Vilagarcía, concello que xa hai décadas é sede oficial dos cursos
de verán desta institución académica e no que, dende hai tres,
tamén do programa IV Ciclo para a formación das persoas maiores de
50 anos”.
Nun
plano máis concreto os obxectivos desta actividade formativa son
“comprender os principios e procesos que rexen o uso das redes
sociais no mundo das profesións actuais; coñecer as bases da
comunicación dixital e a súa aplicación práctica en diferentes
contextos profesionais; analizar a importancia do autocoñecemento do
perfil profesional na promoción da empregabilidade e concienciar
sobre a relevancia da formación en competencias transversais como
elemento clave na mellora da empregabilidade”.
A
actividade tamén persegue “formar na busca, consulta e candidatura
a ofertas de traballo a través de Internet, aprendendo a deseñar un
perfil profesional online; reflexionar sobre as vantaxes do
uso das novas tecnoloxías para mellorar a empregabilidade e
identificar diferentes plataformas e redes sociais onde explorar
posibilidades laborais axustadas ao perfil profesional”.
Os
contidos desenvolveranse mediante relatorios e mesas redondas nas que
intervirán expertos, docentes e responsábeis políticos e do sector
empresarial. Amais, celebraranse obradoiros nos que os alumnos
poderán aprender de forma máis práctica algúns dos conceptos e
técnicas expostos.
O
curso ten unha duración de 18 horas lectivas e permitirá aos
asistentes obter 1 crédito ECTS.