Vilagarcía acolle un podcast sobre María Araújo dentro do programa Aquí faltan páxinas

luns, 9 de decembro do 2024 S. P.

Volve esta semana o programa da Deputación de Pontevedra Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, desta volta reivindicando a María Araújo.
A dita colección botaba a andar o mes de febreiro coa figura da pintora Carmen Babiano. As accións deste ano tamén inclúen a historia de mulleres como as leiteiras de Pontevedra, a investigadora Inmaculada Paz Andrade, a escritora Avelina Valladares, a guerrilleira Placeres Castellanos, a fotógrafa Mary Quintero, as madriñas de Redondela, a raíña Dona Urraca, a política e activista Urania Mella, a artista contemporánea Mercedes Ruibal e a soprano María Pardo.
Antes de pechar o ano, a Deputación anuncia un segundo episodio do programa Aquí faltan páxinas, desta volta adicado a María a Guerrilleira, alcume co que se coñece a activista María Araújo, quen será a protagonista este xoves 12 de decembro en Vilagarcía de Arousa dunha nova entrega do dito programa. A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, abrirá o faladoiro organizado pola Deputación de Pontevedra, que estará impartido pola profesora de Historia de América da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Cagiao. O encontro terá lugar no Auditorio municipal ás 19 horas.
O faladoiro, que se poderá seguir a través do sitio web da Deputación, irá acompañado dun podcast que estará dispoñíbel nos vindeiros días, con testemuños recollidos durante o encontro. O evento centrarase na figura desta guerrilleira nada no Carril que loitou contra as ditaduras de Franco e de Batista. Con só dous anos emigrou a Cuba, onde casou con Sebastián Carcaño e xuntos participaron nas loitas proletarias, vinculándose ao entón nacente movemento comunista cubano. Ao seu retorno, María comezou a traballar nunha fábrica de conservas de Vigo e tomou as rendas do Sindicato de Conserveiras como militante do Partido Comunista. Durante a Guerra Civil participou na loita guerrilleira contra as forzas franquistas até que a encarceraron coa súa filla pequena. En 1944, o cónsul de Cuba en Vigo axudouna a saír de prisión e regresar a Cuba. Alí axudou aos guerrilleiros antifranquistas españois e aos comunistas cubanos contra a ditadura de Batista, amais de apoiar ao goberno revolucionario.