Vilagarcía lanza unha plataforma de compra de tíckets para eventos e de reservas de instalacións deportivas
luns, 2 de decembro do 2024
O pasado domingo comezou a funcionar en Vilagarcía unha plataforma forma propia para a venda de entradas para os máis diversos eventos e tamén para reservar a instalacións deportivas municipais. A plataforma, segundo fixo saber o Concello, “é moi sinxela de utilizar”. Servirá como axenda (mostrando os eventos nos que o Concello participa) para logo redirixir aos usuarios a outras plataformas de venda.
A diferenza fundamental é “que cando se compren dende a web municipal, non haberá gastos de xestión”, explicaron o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Promoción Económica, Álvaro Carou, quen foron os encargados de presentar esta ferramenta coa que o concello dá un paso máis cara a súa dixitalización, como antes o supuxo a sede electrónica ou a oficina virtual tributaria, todo baixo “o gran paraugas” de vilagarcia.gal.
Engadiron que este “substancial avance foi posíbel grazas aos fondos europeos, nesta ocasión os Next Generation, de recuperación da economía trala pandemia”. A intención do goberno é ir implementando as diversas funcionalidades que ofrece a nova plataforma nos vindeiros meses. Polo de pronto, comeza coa campaña dos bonos Son do Casa, pero en breve irán sumándose as reservas das instalacións deportivas (por exemplo, unha cancha de tenis para tal día e tal hora). O pago farase de xeito telemático, a través dunha pasarela segura que depende das entidades bancarias coas que traballa o concello habitualmente.
Outra das moitas funcionalidades que ofrece esta ferramentas é a xestión de entradas, sexan de pago ou gratuítas, das actividades que promove o Concello, de maneira directa ou en colaboración con outras entidades. “Igualmente, co tempo converterase na axenda de referencia para os vilagarciáns, posto que non só se publicitarán os eventos propios senón outros externos nos que o concello participa e patrocina”, explicaron.