Vilagarcía ofrece cursos gratuítos de pilotaxe de drons, realidade virtual e impresión 3D a partir de setembro

xoves, 10 de agosto do 2023 S. P.

A Concellería de Formación e Emprego de Vilagarcía organiza tres novas actividades incluídas na programación de Inclusión e Capacitación Dixital promovida polo Concello. Trátase de cursos básicos de iniciación de pilotaxe de drons, impresión 3D e Realidade Virtual que se impartirán a partir de setembro nas dependencias da aula CEMIT do Centro de Formación de Matosinhos. Están dirixidos a persoas de 18 anos en diante, a participación é de balde e ofértanse 20 prazas en cada actividade. Os interesados deben inscribirse no Centro de Matosinhos de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas.
O Curso sobre conceptos básicos para pilotos de drons ten unha duración de 20 horas nas que os asistentes recibirán formación sobre o marco legal que regula esta actividade, sobre os principios xerais do voo con este tipo de vehículos non tripulados e sobre os procedementos operacionais. Tamén se realizarán sesións prácticas.
Os outros dous cursos teñen un temario a desenvolver en 15 horas lectivas cada un. No de Introdución á tecnoloxía de impresión 3D o alumnado abordará aspectos relativos ao software de modelado e aos materiais a utilizar e farán probas de impresión e validación.
Por último, no curso de Iniciación á realidade virtual as persoas participantes recibirán uns conceptos básicos a modo de introdución, coñecerán os usos desta tecnoloxía e a utilidade e funcionamento das gafas de Realidade Virtual, que tamén poderán probar.
Outros 17 cursos sobre o uso das TIC
A maiores do devandito, a Concellería que dirixe Álvaro Carou ofrece aos vilagarciáns máis actividades de formación tecnolóxica. De feito, estanse a impartir novos cursos das 17 accións formativas do programa de inclusión e capacitación dixital correspondente ao ano 2023, aos que os interesados poden inscribirse acudindo ao mesmo Centro de Formación de Matosinhos. Tamén son cursos gratuítos que se adaptan ao nivel de coñecemento dos participantes e ao manexo das novas tecnoloxías dos alumnos. Están pensados tanto para romper a fenda dixital e facilitar o uso cotiá destas ferramentas TIC ás persoas que por falta de coñecementos ou medios non saben desenvolverse nelas, como para avanzar máis aló ofrecendo a formación necesaria para a procura e mellora de emprego. A carta ofertada inclúe diferentes temáticas entre as que os participantes poden elixir dentro de cinco grandes bloques: Inclusión Dixital, Ofimática en Software Libre, Orientación ao emprego, Capacitación avanzada e ferramentas TIC e Administración Electrónica.