Vilagarcía xa rexistra as súas rutas de sendeirismo na aplicación Wikiloc
venres, 7 de novembro do 2025
A Concellería de Turismo de Vilagarcía, dirixida por Álvaro Carou, vén de mellorar a experiencia dos usuarios ao rexistrar as catro novas rutas do monte Xiabre na aplicación de sendeirismo Wikiloc. Agora, os camiñantes poderán acceder a datos sobre o percorrido, o desnivel ou incluso descargar os itinerarios e vinculalos aos seus reloxos intelixentes e teléfonos.
O Concello de Vilagarcía dispón dende xa dun perfil propio nesta aplicación, a máis coñecida e utilizada polos amantes deste deporte. Nel atoparán os tres novos itinerarios que se puxeron en marcha en agosto, ademais do percorrido para adestramento de trail running. Coa plataforma accederán a toda a información necesaria para facer o percorrido, así como a fotos da ruta. Segundo explicou o Concello, “un dos puntos máis interesantes é a posibilidade de descargar os mapas en formato GPX para poder seguilos a través de calquera dispositivo con función GPS”. Así, engade a Concellería, “se vinculas os mapas a un dispositivo coma, por exemplo, un reloxo, este vibrará para indicarte se estás indo polo sitio correcto, cara onde tes que xirar para continuar, etc.”.
Cómpre recordar que estes tres percorridos teñen entre 3 e 17 quilómetros de distancia e pasan por sitios de moito interese paisaxístico e patrimonial coma o miradoiro da Cruz de Ferro de Xiabre ou mesmo a canteiras das Laxes. A maiores, os itinerarios contan con toda a sinalización física necesaria, é dicir, paneis informativos e balizas ao longo de todo o percorrido.
A aplicación irase actualizando pouco a pouco co resto de camiños, como os que contan coa distinción de Sendeiro Azul, que son a Vía Verde e a Ruta litoral Carril-Vilaxoán.
