Vilalba axuda ás familias a asegurar usos responsábeis e seguros da Internet e as redes sociais
martes, 6 de maio do 2025
O Concello de Vilalba organiza este mes de maio un ciclo de xornadas dirixido a favorecer entre a rapazada un uso responsábel, enriquecedor e seguro das novas tecnoloxías e das redes sociais. Trátase dun programa de actividades organizado pola Concellería de Servizos Sociais na Biblioteca Municipal, dirixidas a familias de menores. Se ben o ciclo ía comezar o pasado 28 de abril, o inicio tivo que ser reprogramado para este luns 5 de maio por mor da apagada xeral do pasado luns. Nesta primeira sesión abordouse a adicción ás redes sociais e as condutas asociadas.
En palabras do Concello, “o ciclo é unha oportunidade perfecta para compartir preocupacións, falar sobre esta cuestión e obter información sobre recursos que poden mellorar a situación de partida”. Sinalar tamén, engaden dende o Consistorio, que o programa continuará os días 5 e 19 de maio achegando un formato que permite asistir a unha ou a varias das sesións, segundo a dispoñibilidade de cada quen. As inscricións poden facerse en liña a través da ligazón habilitada.
O día 12, co mesmo horario falarase de Xestión de tempo de conexión cos maiores, con recomendacións e recursos para unha mellor xestión das tecnoloxías no ámbito familiar. O día 19 tocará falar de tolerancia á frustración, autoestima e autonomía, todas estas, problemáticas asociadas ao uso das tecnoloxías nos menores.