Vilar de Santos estrea aplicación móbil e aposta pola implicación cidadá

xoves, 22 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Vilar de Santos (Ourense) vén de lanzar unha aplicación móbil (chamada Vilar de Santos App) concibida, en palabras do Goberno local, para “potenciar a mobilidade e a participación veciñal, mediante unha ferramenta tecnolóxica moi sinxela de instalar e manexar”. A aplicación, engade o Concello, é un recurso para o servizo público pero, tamén, para o beneficio da xente e para a súa implicación. De feito, a idea é tirarlle proveito para acadar a máxima actividade dos residentes, que poderán facer cousas como conectar cos contidos da actualidade municipal, facer consultas, enviar incidencias ou suxestións (en cuestións como avarías de auga, saneamento, alumeado público, camiños, mobiliario urbano) e ao mesmo tempo recibir notificacións e avisos importantes en tempo real.
Os servizos e características do recurso móbil artéllanse da seguinte maneira: actualidade municipal, axenda de actividades, participación cidadá (envío de consultas e incidencias), directorio municipal, información práctica dos lugares de interese, avisos á cidadanía, acceso aos contidos multimedia da web e notificacións en tempo real.
Segundo informa o Concello, esta primeira versión da aplicación xa está dispoñíbel para Android a través da plataforma de Google Play, sendo a previsión fornecer a medio prazo unha versión para sistemas iOS.
O Concello tamén quere tirar partido desta nova plataforma para “potenciar novas canles de participación” e recibir as achegas de cara a incorporar informacións ou novos servizos, “podendo contar coa opinión dos usuarios para verificar o bo funcionamento, as posíbeis melloras ou calquera outro aspecto da aplicación móbil”. Para facilitar este proceso, as achegas poderán ser comunicadas a través do correo electrónico habilitado participa@vilardesantos.com.
O desenvolvemento e lanzamento da ferramenta insírese Plan local de Modernización Dixital, que contempla a implantación dun conxunto de medidas dirixidas “a fomentar a transición do modelo analóxico ao dixital co horizonte deste ano 2018”. Os obxectivos do Concello son acadar o máximo afianzamento da administración local no ámbito dixital, e todo isto mediante a incorporación tanto de novos servizos como na xestión interna municipal. Ao abeiro deste plan fixéronse iniciativas concretas como a modernización e actualización do portal web do Concello, vilardesantos.gal, mellorando contidos nun novo formato e adaptando a web para os dispositivos móbiles as redes sociais, amais de dispoñibilizar o portal con dominio galego, o .gal. Asemade, púxose en marcha novo servizo da Administración Electrónica, vilardesantos.sedelectronica.gal, que é o punto de referencia para as xestións administrativas en liña do Concello, co obxectivo de simplificar e facilitar os procedementos, eliminando o papel e permitindo facer trámites en calquera momento e desde calquera lugar con acceso a Internet.

PUBLICIDADE