Virtua Fighter 5 terá unha revisión descargable

mércores, 24 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Durante a PAX Prime será posible probar a máquina recreativa de Virtual Fighter 5: Final Showdown

Os xogos de loita teñen unha serie de franquías de grande éxito que son uns referentes para o público, que agarda que cheguen novas entregas con certa periodicidade, e aproveitando o PAX Prime que comeza este venres SEGA vai permitir que os asistentes poidan probar Virtua Fighter 5: Final Showdown, segunda revisión das máquinas recreativas de Virtua Fighter 5, que finalmente chegará aos usuarios de consolas domésticas de todo o mundo a través da PlayStation Network e de Xbox LIVE Arcade.
Nun principio os que asistan ao encontro de Seattle poderán gozar dunha máquina recreativa co último Virtua Fighter 5, o que serve para facer boca antes do xogo descargable para consolas, que promete repetir unha experiencia de loita perfecta, areas interactivas e dinámicas (toda unha marca da casa), un modo de xogo para cada combate e 19 personaxes xogables entre os que figuran dende loitadores de Virtua Fighter 3 ata personaxes novos. Amais, os loitadores poderán personalizarse, tanto en vestimenta como en accesorios.
O primeiro Virtua Fighter 5 chegou ás consolas en 2006, e con esta nova versión teremos unha optimización dun completo título para que os seareiros da saga poidan seguir gozando da mesma, tanto en local como competindo contra outros loitadores en liña, aínda que haberá que agardar un ano para poder gozalo nos nosos fogares.


Trailer de presentación de Virtua Fighter 5: Final Showdown

PUBLICIDADE