Visual Trader incorpora na súa plataforma tecnoloxía innovadora da firma galega Qubitia

mércores, 4 de xuño do 2014 Redacción

A tecnoloxía da galega Qubitia, presentada e probada en Bolsa

A empresa galega Qubitia Solutions vén de asinar un acordo de colaboración con Visual Trader, filial informática de BM, co obxectivo de integrar o sistema de creación de modelos de trading da firma de Pontevedra na plataforma Visual Trader. Sinalar que os sistemas de trading adoitan ser recursos informáticos desenvolvidos para canalizar da maneira máis axeitada as accións que queiramos realizar en Bolsa. Precisamente a plataforma de Qubitia que vai adoptar Visual Trader diríxese a facilitar aos participantes no mercado a creación, análise e control de algoritmos de trading a través dun editor gráfico de diagramas de fluxo, Qcaid. E todo isto sen requirir do usuario coñecementos de programación.
O acordo entre Qubitia e Visual Trader foi asinado o pasado 22 de maio no Palacio da Bolsa de Madrid no marco dun evento non que tamén se levou a cabo a presentación conxunta da devandita plataforma Qcaid, solución para deseñar, simular e executar estratexias de actividade bolsista e económica. Entre outras cousas vantaxes, as empresas salientaron que a plataforma “permite o cumprimento das directrices ESMA no relativo a algoritmos de negociación”.
A integración co sistema Visual Trader, engadiron, permitirá realizar probas de modelos simulando o comportamento real do mercado, xa que o Market Simulator de Visual Trader ten en conta factores como a prioridade de execución, a liquidez e o impacto nos ámbitos bolsistas. Grazas a iso, sinalou Qubatia, “a diferenza entre os resultados que se obteñen nas probas e o comportamento do modelo no mercado real é mínima ou nula”.
Segundo engaden fontes da firma de Pontevedra, a operativa realizada polos algoritmos quedará integrada nos terminais de Visual Trader permitindo ao usuario a súa xestión e máis o seu manexo integral. “Ademais”, engade, “o sistema de control de risco de Visual Trader supervisará tamén a operativa dos modelos coma se se tratase dun operador máis”.
Por certo que o sistema conxunto poderá crear e executar estratexias sobre a Bolsa española (SIBE-
Smart), o mercado español de derivados (MEFF), a Bolsa Alemá (XETRA), o mercado alemán de derivados (Eurex) e os mercados Euronext.

PUBLICIDADE