Vitae Consultores celebra os seus 19 anos de andaina facendo avanzar o noso sector TIC

luns, 14 de abril do 2025 S. P.

Este mes de abril a firma Vitae Consultores, referente galego na formación de empresas e profesionais TIC, está de celebración. Concretamente, este 19 de abril conmemora os seus 19 anos de andaina “nun sector tan incrible e dinámico como o sector das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, traballando dende o punto de vista das persoas ou dos recursos humanos”.
Desafíos en 2025
Segundo explican dende Vitae, en 2025 os retos “son varios”, pero destaca o aumento da complexidade da tecnoloxía e dos proxectos, o que leva a necesitar de bos equipos de profesionais TIC de diferentes áreas e tecnoloxías. Isto, sinalan, é “unha boa noticia para as empresas ou consultoras TIC que poidan ofrecer solucións técnicas en varios eidos tecnolóxicos”. Lembran tamén que “en Galicia temos un bo exemplo do devandito na consultora TI Plexus Tech, oficialmente a empresa TIC máis grande e importante de Galicia, con case 4.000 empregados e crecendo, do mesmo xeito que nun gran número de empresa TIC galegas excelentes e que a maioría xa están no Clúster TIC Galicia, do cal tamén somos socios, orgullosos do noso sector TIC galego, sinal e distintivo de Galicia Calidade sen ningunha dúbida”.
Respecto do contexto deste ano 2025, Vitae Consultores recorda que “en 2025, en plena era postpandémica, segue a haber un crecemento espectacular das necesidades TIC, e un exemplo disto foi a escaseza de chips que chegaron a parar a produción de sectores enteiros e houbo un crecemento enorme da demanda de profesionais das novas ferramentas dixitais, o que unido á falta dos mesmos desencadeou moitas tensións co aumento dos salarios e sobre todo a implantación do teletraballo que facilita moito atopar e contratar talento”. Con, todo, sinalan, isto estase a estabilizar este ano 2025 e “xa non hai tanta demanda de profesionais TIC, aínda que aínda existe moita demanda, pero xa de perfís sénior e expertos”.
Formacións estrela
Vitae engade que en actividades formativas, no apartado de operacións, a “raíña” segue a ser a capacitación en desenvolvemento de software (React) e a xestión do dato (Power BI), pero tamén salienta a mellora da calidade de desenvolvemento de software como Clean Code, TDD, QA, GIT, IA Github Copilot ….
En xestión a raíña é a axilidade, sinalan dende Vitae, se ben tense constatado un retroceso polo aumento da complexidade de novas opcións que non contribúen entro deste marco. A consultora tamén destaca o aumento de modelos híbridos de axilidade con preditivas cun gran éxito.
No apartado de dirección e habilidades persoais, Vitae salienta a existencia cada vez máis dunha dualidade na xestión de persoas e proxectos, e é a dualidade do xefe de proxecto ou product owner, orientado a persoas, e a xestión e o do líder técnico, orientado á tarefas e a xestión tecnolóxica, unha dualidade que “está a funcionar realmente ben e que soluciona en parte a tan temida falta do sentido de pertenza que implica o teletraballo”, explican dende a consultora tecnolóxica.