Vitae Consultores introdúcenos nas metodoloxías para conseguir programas transparentes e de utilidade

mércores, 21 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Non chega con programar e conseguir ferramentas innovadoras nunca antes empregadas, hai que conseguir que se entendan e que sexan, como nas correntes políticos-sociais actuais, transparentes. De facelo así, estaremos contribuíndo ao progreso da Sociedade do Coñecemento (achegando ferramentas para estenderse e seren melloradas logo pola comunidade) e, por suposto, ao noso progreso profesional persoal. Que seguimos teimando en escribir programas que só comprendemos nós ou a nosa equipa, ou nin tan sequera? Pois estaremos incumprindo unha norma básica da tecnoloxía, das ciencias e da creatividade cultural ao longo da historia: a norma do menos é máis. Para axudarnos a facer as cousas ben, sinxelas e nidias, Vitae vén de convocar a terceira edición do seu curso Clean Code: Crear e refacer aplicacións limpas. O obxectivo: achegarnos os recursos precisos para garantir que da nosa man só saen programas transparentes.
A nova convocatoria do obradoiro, novamente de dez horas de duración, celebrarase os días 23 e 24 de marzo no Hotel Attica 21 da Coruña.
Igual que nas anteriores entregas, o curso achegará aos asistentes metodoloxías e capacidades en técnicas de código limpo, recursos que, segundo informa Vitae, “axudan a escribir programas sinxelos de entender, que achegan valor e que, ademais, poden evolucionar”.
A consultora, a propósito dos porqués deste curso, lembra que “programar é expresar procesos con detalle nunha linguaxe non ambigua, feita, coma calquera linguaxe, para comunicar verbalmente ou textualmente”. Vitae engade que “ao escribir cómpre pensar no lector, sobre todo porque, en moitas ocasións, os lectores imos ser nós mesmos”. Os obxectivos do obradoiro son, polo tanto, desenvolver aplicacións difíciles de manter, reducir a cantidade de erros e facilitar o seu achado e distinguir as boas e malas prácticas de programación.
O curso está dirixido sobre todo a programadores con experiencia nalgunha linguaxe orientada a obxectos. O requirimento principal é sermos usuarios de editores de código, recomendándose o VSCode. A actividade formativa terá unha duración de 10 horas e cun enfoque eminentemente práctico.
O formador será Alberto Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, xefe de proxectos e formador en pequenas e grandes empresas. Basalo é, a día de hoxe, socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae Consultores. Entre as empresas e organismos que ten asesorado ou formado atópanse Tecnocom, ABANCA, Softek, GADISA, Inditex, Optare, Altia, Gradiant ou SIVSA.

PUBLICIDADE