Vitae achega a 5ª edición da súa formación especializada en resolver conflitos na empresa

martes, 5 de novembro do 2024 S. P.

A consultora tecnolóxica Vitae brinda o vindeiro mes a quinta edición dunha actividade formativa dirixida a botar unha man na consecución do mellor ambiente de traballo posíbel na nosa empresa. Trátase do Curso Resolución de Conflitos, previsto (en formato de aula virtual) para os días 2, 3 e 9 de decembro. Ao longo de nove horas de formación, amosaranse exemplos específicos e reais de problemáticas laborais e compartiranse xeitos de evitalas e resolvelas, ao tempo que se resolverán boa parte das preguntas que nos asaltan ao tratar a cuestión dos conflitos laborais.
“Este seminario”, informo a consultora galega Vitae, “pretende facer un percorrido sobre os elementos máis importantes do conflito, sendo o seu obxectivo principal axudar aos participantes a entender e xestionar mellor os desencontros persoais ou profesionais que deban abordar no seu día a día”.
O seminario, de nove horas de duración, basea o seu alicerce tecnolóxico nos conceptos de Formación Activa e Student Centred Learning. “Ambas estratexias pedagóxicas”, engade Vitae, “requiren da participación activa do estudante como método de aprendizaxe baixo as instrucións do formador, cuxo rol é o de dinamizador, impulsor de criterio e de significado e significantes”. Noutras palabras, “o grao de aprendizaxe do alumno dependerá da súa implicación persoal activa no proceso”.
Os obxectivos concretos do curso son os seguintes:
-Dotarnos dun rol de liderado e proactivo na resolución de conflitos.
-Mellorarmos a eficiencia e a eficacia persoal e organizativa e xestionar mellor os desencontros entre membros do noso equipo.
A persoa encargada de impartir o curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto, Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent, El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa de máis de 5.000 profesionais e directivos.