Vitae achega en decembro a segunda edición do seu curso sobre Microsoft Fabric
mércores, 5 de novembro do 2025
O vindeiro mes de decembro a consultora galega Vitae, referente na formación tecnolóxica avanzada para profesionais TI, vainos achegar a segunda edición dun curso que pon o foco nas ferramentas de Microsoft, desta volta centrándose nas posibilidades de Fabric, unha solución que, en palabras da consultora tecnolóxica, “pode satisfacer as necesidades de análises da nosa organización nunha soa plataforma, reducindo a complexidade de despregamento e a planificación dos custes da nosa empresa”.
O curso Microsoft Fabric, de 9 horas de duración (a través da aula virtual de Vitae), celebrarase os días 2, 4 e 10 de decembro.
A través desta actividade formativa obteremos información sobre Microsoft Fabric, sobre como funciona e sobre como identificar como e cando utilizar este recursos para as nosas necesidades de analítica de datos.
Vitae explica que “Microsoft Fabric é unha plataforma de análise extremo a extremo que proporciona unha contorna única e integrada para que os profesionais de datos e os usuarios da organización colaboren en proxectos de datos”. Ademais, proporciona un conxunto de servizos integrados que permiten almacenar, procesar e analizar datos a través dunha interface única e sinxela.
“Con Microsoft Fabric dispoñeremos de ferramentas para profesionais de datos e analistas de negocio, e intégrase coas ferramentas que a empresa necesita para tomar decisións, incluíndo servizos e ferramentas para operacións como data integration, data warehousing, real-stafe intelligence e business intelligence”.
O obxectivo é que as persoas participantes aprendan o ecosistema, o fluxo de traballo completo dende a preparación ata a visualización de datos e apliquen conceptos de exercicios prácticos. Búscase brindar fundamentos sólidos para proxectos de datos e análises en Microsoft Fabric.
O curso está dirixido a profesionais de datos (analistas enxeñeiros e científicos de datos que buscan unha plataforma integrada para xestionar e analizar datos); e tamén para analistas de negocios (profesionais que necesitan ferramentas avanzadas para a toma de decisións baseadas en datos), desenvolvedores interesados en utilizar Microsoft Fabric para crear solucións de datos robustas e flexibles e consultores TI que desexen ampliar o seu coñecemento en plataformas de análises de datos e ofrecer solucións integradas aos seus clientes.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Toni Jurado, enxeñeiro técnico en Informática de Xestión pola Universidade Autónoma de Barcelona. Toni conta con máis de 20 anos de experiencia impartindo formación técnica para empresas a todos os niveis, compaxinando esta tarefa coa consultoría de Power BI, DAX, Power Query, Power Pivot e Excel. É experto en Microsoft Power BI, e conta co Certificado MVP por Microsoft, o que o acredita como uns dos mellores expertos recoñecidos por Microsoft en Power BI en España. Ademais é Data Analist PL300 e autor do libro Fundamentos de Modelo en Estrella.
